sábado 08/08/20

Denuncian que Ferroatlántica non recupera a produción en Cee e Dumbria a pesar do final do ERTE

O comité de empresa prepara un novo calendario de mobilizacións para esixir o rearranque dos fornos, o plan de viabilidade e as inversións comprometidas nas plantas.

Manifestación dos traballadores da antiga Ferroatlántica durante o pasado ano 2019 (Foto: Nós Diario).
Manifestación dos traballadores da antiga Ferroatlántica durante o pasado ano 2019 (Foto: Nós Diario).

A dirección de Xeal (antiga Ferroatlántica de Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas) confirmou na reunión mantida co comité que !non recuperará! a actividade produtiva na factorías, a pesar do remate do ERTE, "e só ten intención de manter operativos dous dos cinco fornos", segundo vén de informar o comité de empresa.

"Deste modo -engaden- confírmase o que o comité advertiu desde o primeiro momento, que o ERTE era unha fraude, que non existían causas e que o único obxectivo da empresa era aproveitar a crise sanitaria para afianzar o plan de paralización dos fornos, desmantelamento das factorías e recorte de emprego".

Hai xa un ano que a nova empresa adquiriu o complexo industrial e enerxético, pero a día de hoxe continúan sen ter plan de viabilidade, o contrato e acordos con Ferroglobe, ademais de permanecer sen executar ningún dos investimentos comprometidos. "Neste tempo a única certeza clara foi un recorte progresivo da produción e do emprego directo nas auxiliares e subcontratas, medidas que comprometen a viabilidade das fábricas de Cee de Dumbría. A día de hoxe a actividade produtiva dás ferroaliaxes é inferior ao 8% da súa capacidade", explican.

Diante disto, o comité estudiará retomar un calendario de mobilizacións a realizar nas próximas semanas para esixir o rearranque dos fornos e garantías de futuro das fábricas e dos empregos.

A Xunta ten competencias e debe exercelas

Así mesmo, o comité lémbralle á Xunta que "ten que exercer as súas competencias dunha vez e esixirlle á empresa que presente o preceptivo plan de viabilidade ao que obrigan as cláusulas das concesións hidroeléctricas". "O Goberno de Feixoo non pode agardar máis para actuar cando as nosas fábricas morren de inanición mentres a empresa enche os petos grazas a enerxía que se produce a conta de espoliar os nosos recursos naturais", din.

"Parece unha obviedade cal é o interese real da empresa. Por iso, a Xunta non pode agardar máis, ten que garantir que se respectenn as cláusulas de non segregación, a través do tan demandando plan de viabilidade, e ten que velar porque se leven adiante os investimentos comprometidos nese proceso de venda que foi respaldado por Ferroglobe. A empresa beneficiase de axudas públicas e concesións hidroeléctricas pólo que a consellería de industria tén a obriga de fiscalizar a venta e comprobar o grado de cumplimento de ditas concesións para garantir a actividade industrial e postos de traballo", conclúen.

comentarios