O comité de Xeal anuncia mobilizacións en protesta polo novo ERTE

As protestas comezarán a semana que vén e servirán para denunciar o que consideran un fraude na venda das factorías e as centrais eléctricas.
Os traballadores de Xeal volverán saír á rúa para protestar polo novo ERTE (Foto: Nós Diario).
photo_camera Os traballadores de Xeal volverán saír á rúa para protestar polo novo ERTE (Foto: Nós Diario).

O comité de Xallas Electricidade e Aleacións (Xeal), antiga Ferroatlántica, acordou onte convocar un calendario de mobilizacións en resposta á decisión da empresa de aplicar un novo ERTE a partir do 24 de setembro, que agrava o proceso de desmantelamento das fábricas iniciado coa operación de compra-venda entre Ferroatlántica e TPG-Ithaka. 

Segundo detalla a CIG nun comunicado, a primeira das mobilizacións terá lugar a vindeira segunda feira. Será unha concentración ás 14.15 horas diante da fábrica de Brens, en Cee. Dous días despois, a concentración trasladarase ao Concello de Cee, ás 19 horas. E xa a quinta, 24 de setembro, coincidindo coa data de inicio do ERTE, farán tamén unha concentración nas centrais hidroeléctricas, igualmente ás 19 horas.

Mais estas non serán as únicas medidas. Segundo explican desde o sindicato, veñen de solicitar reunións coa consellarías de Economía e de Emprego para abordar a "crítica situación das fábricas" e exixir "unha intervención inmediata" da Xunta que pasa, inevitabelmente, por reclamar á empresa que presente o plan de viabilidade ao que obrigan as concesións das centrais e, de ser preciso, que actúe sobre as concesións procedendo á recuperación dos dereitos de explotación de Xeal.

"A dirección de Xeal está a aproveitar a situación de emerxencia sanitaria e un ERTE que foi negociado hai máis de ano e medio con outra empresa e outra representación legal para manter o fechamento dos fornos e recortar aínda máis a produción, comprometendo así a viabilidade das fábricas e dos postos de traballo. Neste senso, hai que subliñar que mentres o mercado das ferroaliaxes baixou en 30%, a actividade das fábricas de Cee e Dumbría baixou en 90% e só están operativos dous fornos a mínima potencia", denuncia o comité.

Tamén insisten na "fraude" que supuxo a venda do grupo, xa que, afirman, "só busca segregar a actividade das plantas de ferroaliaxes das centrais hidroeléctricas e facer negocio coa produción de enerxía, que é o que lle interesa ao fondo norteamericano. Esta é a razón pola que Xeal se negou a retirar o recurso contra a resolución de Augas de Galiza interposto xa no seu día por Ferroatlántica e a deixar sen efecto o ERTE asinado en febreiro de 2019 no marco do grupo Ferroglobe".

Comentarios