Eleccións Europeas 9-X

O PP e o BNG crecerían en votos na Galiza fronte a un PSOE á baixa

O PP e o BNG aumentarían os seus apoios nas eleccións deste domingo respecto ás eleccións europeas de 2019. O PSOE perdería a primeira posición que obtivera nas europeas de hai cinco anos.

Estimación de resultados para as eleccións europeas na Galiza. (Foto: Arxina)
photo_camera Estimación de resultados para as eleccións europeas na Galiza. (Foto: Arxina)

Os datos para a Galiza da enquisa de Sigma 2 elaborada para a CRTVG e divulgada ao feche dos colexios electorais este domingo 9 de xuño sitúa o Partido Popular con 37,30% do voto (29,81% obtivera en 2019), subindo máis de 7,5 puntos e ficará a máis de 6 puntos por riba do Partido Socialista, que hai cinco anos fora a formación máis votada. Así, o PSOE obtería 31,10% do voto fronte ao 35,05% de 2019. Baixaría 4 puntos.

 

O Bloque Nacionalista Galego crecería 2,5 puntos e obtería 14,30% dos sufraxios, subindo do 11,84% que alcanzou nas anteriores eleccións europeas.

A cuarta forza con maior apoio no país é a ultraespañolista Vox, con 5,10% do voto (2,58% obtivera en 2019). Crece 2,5 puntos. 

Daríase un empate técnico entre Podemos e Sumar na Galiza. A candidatura de Irene Montero baixa 2,5 puntos pero aguanta ante a de Estrella Galán de Sumar, e ambas obterían 3,40% dos sufraxios. Porén, a suma das dúas formacións non alcanza o 8,12% de apoio que Podemos tivera hai cinco anos.

A ultradereitista Se acabó la fiesta tería na Galiza 1,70% dos votos e “outros” 1,20%.

 

Primeiras comparecencias do BNG, do PP e do PSdeG

A responsábel de organización do BNG, Lucía López Sobrado, interveu ao coñecérense os resultados da enquisa. “En nome do BNG quero trasladar o noso sincero agradecemento a toda a militancia por levar as nosas propostas a cada barrio e a cada vila e cidade. Tamén agradecer a apoderadas e interventoras pola labor no día de hoxe”, dixo. “Non ten moito sentido valorar enquisas, xa que en poucas horas xa teremos datos oficiais. En canto á participación lamentamos a baixa participación, aínda que no caso galego esteamos uns 4 puntos por riba a respecto de 2014”.

Tamén a secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, compareceu para agradecer o traballo da interventoras e dos interventores populares. Parabenizou o incremento da participación respecto ás eleccións europeas de 2014 (as últimas, 2019, cadraran con municipais). “É moi pronto para valorar resultados”, dixo, e trasladou o seu “orgullo” polos candidatos Millán Mon, Adrián Vázquez e polo papel de Alfonso Rueda. “Chegamos con grandes esperanzas de que as urnas traian un bo resultado”, afirmou que “o PP é o único partido que pensa no benestar de todas e todos” e sinalou que “foi o mais apoiado nas eleccións xerais, municipais e autonómicas”.

Julio Torrado foi o terceiro en intervir, e fíxoo como representante da Executiva do PSdeG, facendo unha primeira valoración da noite electoral. Agradeceu a participación, que aumentou respecto a 2014, e a toda a xente e as persoas que estiveron nas mesas. Fíxose eco da preocupación en Europa polo ascenso da ultradereita e afirmou que os socialdemócratas son a forza que pode freala, o PSOE a nivel estatal e o PSdeG na Galiza, e espera que o PSdeG precisamente teña un peso importante.

Máis en POLÍTICA
Comentarios