PPdeG fixa para o próximo pleno o inicio do trámite da lei de universidade privada, que ve "unha boa noticia"

BNG e PSdeG xa anunciaron o seu rexeitamento e a súa intención de rexistrar emendas de devolución.

O Parlamento aproba reclamar as transferencias á Galiza en materia de tráfico, circulación e seguranza (Foto: Arxina)
photo_camera OParlamento da Galiza (Foto: Arxina)

O portavoz parlamentar do PPdeG, Pedro Puy, situou no pleno da semana que vén o debate que dará inicio á tramitación do proxecto de lei da Universidade Intercontinental da Empresa, a universidade privada impulsada por Abanca na que os populares ven "unha boa noticia".

Trátase dunha norma que recibiu a luz verde do Goberno galego o pasado 18 de marzo e que agora principiará o seu percorrido no Parlamento, aínda que os dous grupos da oposición -BNG e PSdeG- xa anunciaron o seu rexeitamento e a súa intención de rexistrar emendas de devolución.

Así, nunha rolda de prensa ofrecida esta segunda feira, o popular Pedro Puy avanzou que no pleno da semana que vén, á espera do que determine esta terza feira a xunta de portavoces, será o debate á totalidade desta lei que establecerá a primeira universidade privada de Galiza e que xerou rexeitamento da comunidade universitaria..

"Non é unha mala noticia para Galiza, senón todo o contrario: hai unha entidade bancaria radicada en Galiza, que decide investir en educación superior en Galiza cumprindo a lei", resumiu Puy, tras lembrar que é un proxecto que conta co visto e prace do Ministerio de Universidades, cuxo titular é Manuel Castells -nomeado a proposta de Unidas Podemos-.

Porén, as tres universidades galegas amosaron a súa oposición a esta pretensión de Abanca. Os reitores rexeitan unha universidade privada na Galiza: "Nin mellora nin complementa a pública"

 Mesmo Consello Económico e Social emite informe negativo sobre o proxecto de universidade de Abanca

O portavoz do PPdeG díxose "sorprendido" por que "haxa quen se opoña que haxa investimentos en educación, que se poida atraer alumnos e a fixar, por tanto, unha institución que pagará salarios bos a persoas altamente cualificadas para impartir a docencia".

Comentarios