Envíalle unha carta solicitando unha xuntanza

Pontón téndelle a man a Feijóo para acadar "un pacto nacional" contra os incendios

A través dunha misiva, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, urxiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a manter un encontro en aras de abordar “un acordo de país” en política forestal. Após a traxedia de Portugal, sinala que “é urxente sentar a dialogar”.

ANAPONTON XUNTAPORTAVOCES 14.03.17 BIS

Co fin de corrixir “os erros de décadas” e de estabelecer “as bases para un monte limpo, ordenado e multifuncional como mellor antídoto contra os incendios e a favor dun rural vivo”, a portavoz do BNG, Ana Pontón, vén de remitirlle unha carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñéz Feijóo para convocar un encontro. O obxectivo, acadar “un grande acordo de país en materia de política forestal”.

A tamén portavoz parlamentar do Bloque envíalle a carta a Feijóo nun contexto de preocupación após o grave incendio rexistrado en Portugal, “a catástrofe humana e ambiental que vén de sufrir Portugal fai imperativo sentar a dialogar”.

Na misiva enviada a Monte Pío na sexta feira, 23 de xuño, a nacionalista reclama dar “un xiro de 180 graos” á xestión do monte. Unha xestión, defende Pontón, “adaptada á nosa realidade, que pense no interese xeral e deixe de hipotecar o noso futuro polos intereses de empresas contaminantes como Ence”.

Ana Pontón esixe, así, que após o incendio portugués se tiren conclusións para evitar que algo así aconteza na Galiza, dadas as similitudes entre a realidade territorial e forestal galega e a portuguesa. Advirte do “abandono rural e do monte”, da “falta de ordenación forestal”, da “fortísima presenza de especies foráneas e pirófitas (eucalipto e piñeiro)”, da “desestacionalización dos incendios”, da “precarización das condicións de traballo e do propio servizo de prevención e extinción de incendios forestais”.

O portavoz parlamentar do BNG en materia de Agricultura, Xosé Luís Rivas, afirma que “a proposta da portavoz nacional ao presidente da Xunta é de puro sentido común, hai que sentarse a falar e chegar a un gran acordo de país para ordenar o noso monte”.

Xosé Luís Rivas: “Eu que vivo no rural, en Boirmorto, e collo a diario as estradas polo interior para chegar antes a Santiago, se me pilla un lume, estou perdido, estou perdido"

“Eu que vivo no rural, en Boirmorto, e collo a diario as estradas polo interior para chegar antes a Santiago, se me pilla un lume, estou perdido, estou perdido. E nunca antes o pensara, pero é unha realidade”, alega o nacionalista.

Vínculos de Ence co PP

A respeito de Ence, o Goberno en funcións de Mariano Rajoy, no mes de xaneiro de 2016, prorrogara a concesión da pasteira, cuxo Consello de Administración está composto por persoas con estreitos vínculos co Partido Popular, 60 anos máis.

Comentarios