Pontón enxalza os dous anos de Sanmartín á fronte do Concello de Santiago de Compostela: "Ten un proxecto sólido e valente"

Goretti Sanmartín repasou as principais iniciativas levadas a cabo durante esta primeira metade de mandato, entre as que destacou políticas de vivenda, centradas na rehabilitación, o rexistro de predios e a poxa de vivendas en ruínas, así como o desbloqueo do predio do antigo Peleteiro.
Míriam Louzao, Goretti Sanmartín e Ana Pontón. (Foto: Arxina)
Míriam Louzao, Goretti Sanmartín e Ana Pontón. (Foto: Arxina)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, enxalzou os dous anos de Goretti Sanmartín como alcaldesa de Santiago de Compostela, destacando que ten "un proxecto sólido e valente" para que a capital galega sexa unha cidade "para vivir, para traballar, para facer comunidade e para gozar".

Nun acto decorrido na Praza de Cervantes, a líder do BNG subliñou que o mandato de Sanmartín permitiu "abrir un tempo novo en Compostela" para "deixar atrás a apatía e recuperar o orgullo de cidade". Tras dous anos da formación nacionalista á fronte do Pazo de Raxoi, Pontón reivindicou que o equipo de Goberno "afianzou o deseño dunha cidade nova que aposta polos veciños e por reencontrarse a si mesma fronte a deriva anterior".

"É aí onde está a traballar o Goberno de Goretti Sanmartín, en levar a cabo cambios estruturais que nos acheguen á cidade do mañá, máis sostíbel, máis humana, para todos e todas", subliñou Pontón antes de destacar algunhas das medidas adoptadas polo Executivo local, entre as que mencionou a regulación de vivendas de uso turístico, o rexistro de predios ou a petición de declaración de zona tensionada.

Así mesmo, tal e como destacou a formación nacionalista, Pontón atribuíu ao "impulso" do Goberno do BNG o "nerviosismo" do PP, "que leva dous anos facendo unha oposición cutre, tentando traer aquí a lameira da política madrileña e poñendo paus nas rodas ao avance da cidade".

Vivenda e "cambio de modelo turístico"

Pola súa parte, Goretti Sanmartín repasou as principais iniciativas levadas a cabo durante esta primeira metade de mandato, entre as que destacou políticas de vivenda, centradas na rehabilitación, o rexistro de predios e a poxa de vivendas en ruínas, así como o desbloqueo do predio do antigo Peleteiro.

Tamén puxo en valor o "cambio de modelo turístico", cuxo logro máis recoñecido, apuntou, "foi a consecución dunha Lei que regula a aplicación da denominada taxa turística" para toda Galiza. "Podía ser eu, podía ser outra, mais tiña que ser unha muller pola decidida práctica feminista do BNG, esa que tamén nos fai denunciar os feminicidios e as agresións sexuais e sinalar que non descansaremos até acabar coa violencia machista", aseverou a rexedora compostelá.

Comentarios