Ana Pontón reivindica o BNG como a voz que defende Galiza en Madrid: "Sexa quen sexa o inquilino da Moncloa"
O BNG ven de lanzar a campaña 'Co BNG, Galiza gaña' para pór en valor os logros alcanzados nas Cortes do Estado fronte á "confrontación estéril" do Goberno galego do PP.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou esta quinta feira que o BNG é "a forza que garante a defensa dos intereses do país sexa quen sexa o inquilino da Moncloa", durante a presentación en Santiago de Compostela da campaña 'Co BNG, Galiza gaña'. No acto participaron tamén o portavoz da formación no Congreso, Néstor Rego, e a senadora Carme da Silva.
Pontón puxo en valor a estratexia de "negociación intelixente, firme e coherente" do BNG fronte ao Executivo estatal, en contraste co que cualificou de "confrontación inútil" do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. "Fronte á folla baleira do Goberno do PP está a longa lista de logros do BNG grazas ao traballo no Congreso e no Senado, transformando en realidades as reclamacións ante o Executivo estatal", asegurou.
A líder nacionalista insistiu en que "ningún goberno do Estado dá nada se non se pelexa", e subliñou que o BNG non busca privilexios, senón "un trato xusto e respecto" para Galiza, fronte á discriminación que, ao seu xuízo, practican tanto PP como PSOE cando gobernan en Madrid. "Non somos máis ca ninguén, pero tampouco menos", afirmou.
Entre os avances alcanzados polo BNG nas Cortes, Ana Pontón citou os "descontos históricos" na AP-9, o impulso ao saneamento da ría do Burgo, a negociación da quita dunha débeda de arredor de 4.000 millóns de euros "que o PP se nega a aceptar", a modernización da liña ferroviaria Lugo–Ourense e os pasos dados cara á implantación de servizos de proximidade. A estes sumou melloras nas pensións, avances na defensa da lingua galega e o mantemento de paradas e servizos de transporte.
"É máis útil para Galiza ter un deputado e unha senadora do BNG coas mans libres que vinte deputados do PP e do PSOE teledirixidos polo que lle mandan desde Xénova e Ferraz", afirmou Pontón, que puxo a AP-9 como exemplo do "incumprimento sistemático" das forzas estatais cando chegan ao Goberno.
"Un muro de contención"
Pola súa banda, Néstor Rego definiu o BNG como "un muro de contención fronte á dereita e a ultradereita" e destacou que non houbo cuestión que afectara Galiza que o BNG non levara ás Cortes con propostas concretas. Lembrou, ademais, iniciativas en materia social, como a defensa da xornada laboral de 35 horas, ou unha política internacional baseada na paz e no respecto á soberanía dos pobos.
A senadora Carme da Silva, pola súa parte, contrapuxo o labor nacionalista coa actuación do PP, ao que acusou de bloquear avances no Congreso e de dar marcha atrás no Senado a medidas beneficiosas para Galiza. "Canta máis forza teña o BNG nas Cortes, máis difícil o terán para que os avances para a Galiza non sexan unha realidade", concluíron.

