O BNG reivindica avances para Santiago grazas ao seu traballo no Congreso e no Senado

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, fixeron balance do traballo do BNG nas Cortes do Estado e puxeron o foco nas actuacións pendentes para a capital galega, desde infraestruturas estratéxicas até vivenda, mobilidade e servizos públicos.

En primeiro plano, Néstor Rego e Goretti Sanmartín. Atrás, Pilar Lueiro, Xesús Domínguez, Manuel Cesar, Iago Lestegás e Miriam Louzao. (Foto: Nós Diario)
En primeiro plano, Néstor Rego e Goretti Sanmartín. Atrás, Pilar Lueiro, Xesús Domínguez, Manuel Cesar, Iago Lestegás e Miriam Louzao. (Foto: Nós Diario)

Goretti Sanmartín, a alcaldesa de Santiago de Compostela, e Néstor Rego, portavoz do BNG no Congreso, fixeron esta cuarta feira balance do traballo desenvolvido pola formación nacionalista nas Cortes do Estado e para avanzar as prioridades pendentes para Santiago de Compostela. Ambas as dúas voces coincidiron na mesma idea: "Onde está o BNG, Galiza e tamén Santiago avanzan".

A rexedora compostelá destacou que as negociacións do BNG co Goberno do Estado permitiron materializar avances relevantes para a cidade, como a creación dun xulgado específico contra a violencia machista, o incremento das achegas estatais ao Consorcio de Santiago e o impulso á nova estación depuradora de augas residuais (EDAR). Neste último caso, Sanmartín subliñou que o aumento da participación estatal, do 65% ao 80%, supuxo "un aforro relevante para as arcas municipais".

No ámbito das infraestruturas e da mobilidade, Néstor Rego puxo o acento nas bonificacións da AP-9, que chegan até o 75%, unha "vella reivindicación" do BNG. O deputado reafirmou o compromiso da formación para avanzar cara a unha "AP-9 galega e libre de peaxes". Tamén salientou os avances na vertebración ferroviaria, coa incorporación ao acordo de investidura de proxectos como o estudo da conexión Lugo–Santiago e a implantación de servizos de proximidade na Galiza, para corrixir unha "discriminación histórica".

Outro dos fitos sinalados foi a denominación da estación intermodal de Santiago como "Daniel Castelao". Aínda pendente de concretar os espazos para a difusión do seu legado, Rego lembrou que existe un compromiso expreso do Ministerio de Transportes para desenvolver o proxecto en colaboración co Concello.

En materia de vivenda, Sanmartín destacou o compromiso do Estado para desenvolver o proxecto do Peleteiro a través da empresa pública estatal, co obxectivo de garantir vivenda protexida no centro urbano, equipamentos sociais e culturais e unha nova praza pública que actúe como elemento dinamizador da cidade.

No plano social e económico, o BNG puxo en valor medidas como o aumento dos permisos de paternidade e maternidade, o mantemento dos bonos de transporte, a suba das pensións mínimas e a aprobación da quita da débeda negociada co PSOE. "Demostra que negociar con firmeza dá resultados para Galiza", asegurou Rego.

De cara ao futuro, tanto Sanmartín como Rego reclamaron que o Estado español active proxectos estratéxicos pendentes para Compostela, como a estación de mercadorías da Sionlla, a continuidade do Orbital, a potenciación do papel da cidade como nodo loxístico, novas conexións ferroviarias, a recuperación da vella terminal de Lavacolla ou a humanización de espazos urbanos como a rotonda de Conxo.

A rexedora reafirmou o compromiso do BNG co presente e o futuro da capital: "Cando o BNG está, Santiago avanza. Seguiremos a traballar para que investimentos clave estean na axenda política e económica e para que Compostela desenvolva todo o seu potencial".

Comentarios