O BNG denuncia o "pisoteo do Dereito Internacional" por parte dos EUA e destaca que Trump "non oculta as súas ansias imperialistas"
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, cualificou o ataque dos Estados Unidos a Venezuela o pasado sábado como un "pisoteo do Dereito Internacional" e chamou o Goberno español e a todos aqueles "minimamente decentes do mundo" a condenar esta actuación.
"Isto é evidente que xera unha nova situación internacional na que parece que regras, que moitas veces xa se cumprían pouco, directamente son pisadas e son eliminadas", valorou en preguntas dos medios durante unha rolda de prensa celebrada esta cuarta feira, na que estivo acompañado da alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín.
Nesta liña, Rego instou ao "respecto á legalidade internacional". "Atacar un país soberano vulnera iso e secuestrar o seu presidente, moito máis", engadiu. Ademais, acusou o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, ao que describiu como "máis sincero" que "outros" predecesores, de "non ocultar as súas ansias imperialistas".