Pontón reclama o voto ao BNG para que Galiza teña “voz propia” na UE

A campaña do BNG chegou na mañá deste domingo a Ferrol. Alí, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, pediu o voto para o “equipo da casa”, como única garantía de que Galiza teña “voz propia”.

Foto 2 - Mitin Ferrol
photo_camera Ana Pontón, Iván Rivas e Ana Miranda no mitin do BNG de Ferrol. (Foto: Nós Diario).

A comarca de Ferrol é un exemplo paradigmático das consecuencias que para a economía galega tivo a integración no Mercado Común Europeo, antecedente da actual Unión Europa (UE). Por iso, a voceira nacional do BNG cargou contra as políticas comunitarias que “limitan a capacidade de producir de Galiza, en particular no sector pesqueiro e naval”.

Ana Pontón lembrou “como se danou a Ferrolterra con ese veto á construción naval” imposto pola Unión Europea, culpou a PP e a PSOE de ser responsábeis “de decisións que en moitas ocasións danan os intereses de Galiza e asegurou que o BNG vai seguir reivindicando o dereito da comarca a “cortar chapa e construír barcos”.

A voceira nacionalista criticou que “están deixando esmorecer a ría de Ferrol”, apostou pola súa rexeneración como factor chave para o desenvolvemento económico e social da comarca e expresou o compromiso do BNG de “dar a batalla até que vexamos unha ría de Ferrol limpa e produtiva, xerando miles de empregos con calidade e futuro”.

Pontón reclamou o voto para o BNG por “ser a única” forza política que servirá para defender os intereses de Galiza “libremente e sen intermediarios”. Neste sentido, presentou a súa organización “como a única garantía de que Galiza teña voz propia” en defensa dos seus intereses.

A dirixente do BNG reclamou un modelo de relación internacionais diferente ao representado polo Unión Europea e apostou “unha Europa antifascista, antimilitarista, que non mire para outro lado ante o xenocidio do pobo palestino. Unha Europa da paz”.

Ana Miranda

A candidata nacionalista ao Parlamento europeo, Ana Miranda, comprometeuse a defender nas instancias comunitarias o dereito de Galiza a producir e desenvolver os seus sectores produtivos, incluído o naval, e, neste sentido, apostou por abrir as instalacións navais ao ámbito da construción civil.

Miranda sinalou que “só cunha voz forte en Europa seremos quen de impulsar políticas pensadas para pór o noso país a producir”.

Comentarios