Pontón reclama ante a UE maior axilidade nos fondos europeos

A nacionalista reuniuse con comisarias europeas.
Pontón con comisaria Iliana Ivanova
photo_camera A comisaria Iliana Ivanova con Ana Pontón e Ana Miranda, hoxe. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, desprazouse esta terza feira a Estrasburgo e, ante a UE, defendeu unha "maior axilidade na xestión dos fondos europeos, unha maior participación dos concellos nestes recursos e unha simplificación administrativa que permita reducir a burocracia para que os investimentos cheguen canto antes ás pemes, sectores produtivos e familias".

Así mesmo, a líder nacionalista avogou por destinar "máis fondos da UE" á innovación e á investigación, ambos os dous aspectos "chaves" para tratar os retos de futuro e para o desenvolvemento económico e a creación de emprego na Galiza. Após manter xunto á eurodeputada Ana Miranda senllas reunións coa comisaria de Cohesión e Reformas, Elisa Ferreira, e coa comisaria de Ciencia, Investigación, Cultura, Educación e Mocidade, Iliana Ivanova, Pontón incidiu na necesidade de "axilizar a xestión e investimento" de todos os fondos europeos que lle corresponden a Galicia, un total —cifrou— de 3.150 no período 2022-2027, entre os xestionados pola Xunta e os que administra o Estado. Subliñou a importancia dos fondos de cohesión na loita contra o despoboamento e a dinamización do medio rural. 

Pontón tamén trasladou á comisaria Ferreira a "preocupación" do BNG polo "baixo nivel de execución" de todos os fondos europeos que lle correspon-den á Galiza e lembrou que, mentres que xa está en marcha o novo marco de financiamento europeo 2021-2017, o executivo de Rueda "aínda está a tratar de investir os fondos do período anterior, consumindo a prórroga de tres anos que finaliza o 31 deste mes".

A "mala xestión" do Goberno de Alfonso Rueda, dixo, faille perder "oportunidades aos sectores produtivos, ás empresas e ao conxunto da cidadanía". Pontón e Miranda valoraron como "moi positivas" as reunións, tanto con Ferreira como coa comisaria Ivanova, á que as nacionalistas lle trasladararon a necesidade de destinar máis fondos á innovación e á ciencia.

A portavoz nacional lamentou a situación da ciencia en Galiza, moi por debaixo do investimento da media europea, polo que reafirmou o seu compromiso nun goberno do cambio liderado polo BNG de incrementar o investimento a través dun Pacto pola Ciencia co obxectivo de alcanzar  2,5% do PIB nos próximos anos, así como a promoción da ciencia aberta e as misións, en liña co Programa Marco do Horizonte Europa, nos ámbitos marcados como estratéxicos pola UE, como o cambio climático, as cidades intelixentes ou a alimentación.

Ademais de deseñar unha carreira investigadora que dote de estabilidade e condicións de traballo dignas ao persoal investigador e reducir a fenda de xénero, Pontón tamén comprometeu a creación dun programa de retorno e captación de talento, a posta en marcha da Rede galega para a ciencia, a tecnoloxía e a innovación co obxectivo de coordinar todo o sistema investigador do País, e a mellora da transferencia de coñecemento para promover unha economía máis innovadora e resiliente. 

Comentarios