Pontón pedirá no pleno de investidura de Rueda a convocatoria de "todas as prazas vacantes" do Sergas

Ana Pontón visitou esta terza feira Moaña, onde, dixo, 2.780 veciños e veciñas "carecen de médico de cabeceira asignado". (Foto: Nós Diario)
A portavoz nacional do BNG visitou Moaña para denunciar a "deterioración" da sanidade pública nun concello onde, dixo, 2.780 veciños e veciñas non teñen un médico de cabeceira asignado.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou esta terza feira que a formación nacionalista levará ao debate de investidura de Alfonso Rueda unha proposta para a convocatoria de "todas as prazas vacantes" do Sergas, incluída no plan de choque de reforzo da Atención Primaria.

Pontón realizou estas declaracións no marco dunha visita ao centro de saúde do concello de Moaña, acompañada pola alcaldesa desta localidade, Leticia Santos, onde denunciou a situación deste municipio, no que asegurou que 2.780 veciños "carecen" de médico de cabeceira asignado.

"Tiñan un servizo de urxencias e catro facultativos de tarde que hoxe non teñen e, como consecuencia, enfróntanse a listas de espera para poder ver a un médico de familia", alertou Pontón. "Hai unha deterioración evidente da calidade asistencial", constatou a portavoz nacional. A esta situación, o BNG engadiu as demandas "non atendidas", como a solicitude dunha ambulancia, tras 21 semanas de mobilizacións consecutivas polo "descontento" dos veciños de Moaña.

Aliás, a alcaldesareclamou a recuperación do PAC de Moaña, que fora trasladado "provisionalmente" a Cangas pola pandemia "e segue sen recuperarse a pesar da volta á normalidade".

Plan de choque

A portavoz nacionalista avanzou que estas cuestións incluiranse nas propostas que o BNG levará ao debate de investidura. "Imos levar un plan de choque de reforzo da atención primaria de 200 millóns de euros", manifestou Pontón.

Entre algunhas das propostas incluídas neste plan, a portavoz nacionalista resaltou "a ampliación da carteira de servizos como psicoloxía ou fisioterapia nos centros de saúde" e a convocatoria "de todas as prazas do Sergas", ademais de que reclamarán "que se recuperen as xerencias de Atención Primaria, con recursos e con capacidade de decisión".

 A portavoz nacional do BNG confirmou que os 19 deputados e deputadas do seu grupo votarán "non" no pleno de investidura de Alfonso Rueda como presidente da Xunta, que decorrerá os días 10 e 12 deste mes. Rueda foi "o secundario" de Feixoo durante 13 anos "e, por tanto, corresponsábel" de deixar unha Galiza "peor" que en 2009.