Alfonso Rueda Valenzuela, un pontevedrés de dereitas "de toda a vida"

O nomeamento de Alfonso Rueda como candidato do PP á Presidencia da Xunta da Galiza chega após un acordo entre Núñez Feixoo e os baróns territoriais do partido, cuxo renovado poder interno lembra ás épocas de Manuel Fraga. As eleccións locais de maio de 2023 serán a súa gran primeira proba de lume.

Alfonso Rueda onte no Parlamento galego. (Foto: Álvaro Ballesteros/Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda onte no Parlamento galego. (Foto: Álvaro Ballesteros/Europa Press)

Alfonso Rueda Valenzuela nunca tivo dúbidas. Se Alberto Núñez Feixoo votou Felipe González nas eleccións de 1982 e o secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, participou do nacionalismo nos anos universitarios; o vindeiro presidente da Xunta sempre formou parte da dereita, presidindo xa a comezos dos 90 as Novas Xeracións do PP de Pontevedra.

“Politicamente non podía ser outra cousa”, sinalan a Nós Diario persoas coñecedoras da súa traxectoria política, en relación coa súa orixe familiar. É fillo de José Antonio Rueda Crespo, vicepresidente da Deputación de Pontevedra con Mariano Raxoi e senador de Alianza Popular nas primeiras dúas lexislaturas. Abandonou o partido seguindo a José Luís Barreiro para non tardar en volver á "casa grande da dereita". É parente por liña materna dos Garrido Valenzula, o famoso "clan popular" vigués, con máis cargos que votos.

O seu círculo persoal é o dos denominados coloquialmente na cidade do Lérez como "Pontevedreses de toda a vida", os coñecidos como "PTV", polas súas siglas. O mesmo está formado por significados dirixentes da dereita como Mariano Raxoi, a deputada Ana Pastor, a senadora Pilar Rojo, a parlamentaria Lupe Murillo, o presidente de Sogama, Javier Domínguez; ou o voceiro municipal do PP, Rafael Domínguez.

Os seus integrantes non só partillan militancia partidaria senón locais de ocio, vacacións, actos sociais e pertenza a determinadas entidades sociais, como o casino.

Palmou, Raxoi e Louzán, impulsores de Rueda

A súa carreira política, como a doutros "PTV", non depende só dos meritos propios. A primeira responsabilidade pública chegoulle da man de Xesús Palmou durante os Gobernos de Manuel Fraga, ocupando primeiro a xefatura do seu Gabinete e entre 2000 e 2005, a Dirección Xeral da Administración Local da Xunta da Galiza. Nun cargo e noutro deixou pegada de persoa distante, por veces moi arisca e para algúns altiva, unhas críticas que se viñeron repetindo desde aquela no interior do PP.

Alberto Núñez Feixoo escolleuno en 2006 como secretario xeral do PP galego. O seu nome viña recomendado outra vez por Xesús Palmou, número dous do partido nos anos finais de Fraga e peza chave na defenestración de Cuíña, se ben na decisión final pesaron, tamén, outras opinións. Unha delas, a de Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra e persoa esencial no ascenso de Feixoo, outra, a de Mariano Raxoi, naquela altura máximo responsábel do Partido Popular a nivel de Estado.

Rueda xogou un papel moi importante no traballo de oposición ao Goberno do PSdeG e o BNG na Xunta (2005-2009) e na definición da táctica do PP nas eleccións de 2009. Naqueles tempos, deixou expresións como  “Touriño é un caradura, parece que o pasa cada vez mellor malgastando cando hai miles de familias afectadas polo paro” e gravou a súa pegada nalgunhas das campañas e actuacións máis polémicas.

Galicia Bilingüe

O vindeiro presidente da Xunta manifestouse naquela altura contra as políticas de normalización lingüística. A este respecto, foi un dos dirixentes do PP que se significou en febreiro de 2009 en Compostela, na mobilización de Galicia Bilingüe. Algunhas fontes sitúano como un dos deseñadores da estratexia desta plataforma.

A presenza de Rueda na secretaría xeral do PP galego alongouse até 2016. A renuncia á mesma, após unha xestión marcada por múltiples conflitos con outros dirixentes territoriais, abriulle a porta á Presidencia do PP de Pontevedra, en substitución de Rafael Louzán, cuxos resultados electorais non chegou a igualar.

O seu labor de máis de 13 anos no Goberno galego non deixou actuacións de relevo. Se ben as súas áreas de responsabilidade, neste caso Presidencia, Administracións Públicas ou Xustiza non foron de gran significación pública. Aliás, non negociou ningunha transferencia do Estado á Xunta neste período e mesmo paralizou a posta en marcha da policía galega.

A súa relación con Feixoo nestes últimos anos non estivo exenta de tensións e a distancia entre ambos foi notoria. Neste sentido, desde o círculo do presidente saínte reprocháronlle o seu traballo e afeáronlle os resultados electorais na súa circunscrición, chegando mesmo a estudar unha alternativa diferente para dirixir a Xunta. Nesa dirección, explícase o nomeamento en 2020 dun vicepresidente segundo do Goberno galego ou a promoción doutros nomes no PP, porén as urxencias e as  particulares circunstancias do relevo de Feixoo facilitaron a Rueda o aceso á Presidencia do Executivo galego.

A lousa dos resultados en Pontevedra

Os resultados electorais non acompañaron a Alfonso Rueda nos últimos anos. Neste sentido, Pontevedra, onde é presidente do PP, é a circunscrición onde os populares veñen obtendo as peores porcentaxes de votos, sendo a única circunscrición  onde as forzas da esquerda sumaron máis escanos que o PP nos comicios galegos de 2020. Ao tempo, o PP asiste a unha progresiva perda de poder local, moi particularmente nos grandes núcleos de poboación, pero tamén en comarcas como o Salnés. Os números do PP en Pontevedra son utilizados interna e externamente para cualificar a Rueda de "perdedor". Nesta liña manifestouse a voceira do BNG, Ana Pontón, na convención municipal da formación do pasado sábado pero tamén o fixeron, en declaracións a Nós Diario diferentes dirixentes populares críticos coa súa candidatura.

Comentarios