18-F

Pontón, a máis madrugadora en votar un domingo no que Santiago será o epicentro da noite electoral

PP, BNG e PSdeG, forzas que compoñen na actualidade a Cámara galega, seguirán a noite do domingo da forma habitual.
Papeletas nun colexio electoral. (Foto: Europa Press)
photo_camera Papeletas nun colexio electoral. (Foto: Europa Press)

Santiago de Compostela será o epicentro da noite electoral do domingo, xornada na que a candidata do BNG, Ana Pontón, será a candidata máis madrugadora en exercer o seu dereito ao voto e o cabeza de lista de Vox, Álvaro Díaz-Mella, o que o fará máis tarde. A capital galega é o lugar onde a práctica totalidade dos partidos con opcións de lograr representación no Parlamento da Galiza —todos salvo Democracia Ourensá— seguirán o escrutinio a partir do feche dos colexios ás 20 horas.

PP, BNG e PSdeG, forzas que compoñen na actualidade a Cámara galega, seguirán a noite do domingo da forma habitual. Os primeiros, desde a sede do partido no barrio de San Lázaro, a escasos 200 metros do hotel Eurostars onde reunirán as e os xornalistas e no que comparecerán co escrutinio avanzado. Mesmo máis perto da sede do PP galego está o Hotel Porta do Camiño, onde Vox montará o seu cuartel central para seguir a noite.

Pola súa parte, as nacionalistas elixen de novo A Nave de Vidán, lugar no que habitualmente seguen as noites electorais desde hai anos, mentres que os socialistas estarán na súa sede na Rúa do Pino, no barrio da Almáciga. E Sumar tamén repite respecto ás estatais de xullo, nas que lograron dúas deputadas, e pasarán a velada no Hotel Peregrino. Por último, Democracia Ourensaá farao en Ourense e noutro hotel, o Princess da Avenida da Habana.

Votacións das e dos candidatos

Antes de que os partidos empecen a recluírse para seguir o escrutinio, a nacionalista Ana Pontón será a máis madrugadora en votar ao acudir ás 10 horas ao seu colexio electoral, instalado no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago.

Tamén na capital galega, a candidata de Sumar Galicia, Marta Lois, achegarase ao IES Antón Fraguas do barrio das Fontiñas ás 11.30 horas, mesmo momento no que teñen previsto votar o presidente da Xunta e aspirante popular, Alfonso Rueda, e o socialista, José Ramón Gómez Besteiro. O primeiro farao no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, e o segundo, no Colexio Rosalía de Castro de Lugo.

Antes, o cabeza de lista de Democracia Ourensá, Armando Ojea, votará ás 11 horas no Centro Cardeal Cisneros da cidade das Burgas. O último en votar das principais forzas en lista este domingo será o aspirante de Vox, Álvaro Díaz-Mella, que o fará ás 12.45 horas na Casa das Artes de Vigo.

Comentarios