Pontón denuncia que a conexión galega da Gürtel salpica directamente Feijóo

Do testemuño emprestado esta cuarta feira por Rajoy na Audiencia Nacional a portavoz nacional do BNG tira unha conclusión clarísima: nen el nen Feijóo -pola súa valoración posterior- teñen o menor interese en esclarecer os vínculos que unen o PP coa conexión galega da Gürtel.

Ana Pontón. Conferencia de imprensa 27 de xullo 2017
photo_camera Ana Pontón

"No PP non hai ningún interese en colaborar coa xustiza para esclarecer o seu financiamento ilegal e só pretenden levantar un muro de ocultación para impedir que saibamos a verdade", dixo esta quinta feira Ana Pontón en conferencia de imprensa. A líder do BNG acrecentou que da consulta da documentación disponíbel se conclúe que "Galiza foi usada como moeda de cambio polo PP coas empresas implicadas xa desde as eleccións de 1999 con pagamentos en negro de actos de campaña a unha das empresas de referencia da trama, Especial Events".

Especial Events facturou 165.000 euros á Xunta da Galiza por un asesoramento en materia de agricultura inexistente e a Administración galega, xerida por cargos do PP, asinou até 2.500 contratos con 16 empresas cuxos nomes aparecen nos papeis de Bárcenas, segundo os dados postos en destaque por Pontón na súa comparecencia informativa.

"Afecta o PPdeG e salpica directamente Feijóo que xa estaba ao fronte do PP da Galiza", dixo a líder do BNG, para quen "son moitas zonas escuras en relación co financiamento do PP e os seus vínculos na Galiza que deberían ser explicados e non seren fechados en falso".

Na súa declaración perante a Audiencia Audiencia en calidade de testemuña no xuízo da Gürtel, Mariano Rajoy afirmou ignorar a existencia dunha carta dirixida a el en que un dos encartados na trama -o empresario Álvaro Pérez, alias O Bigotes- lle reclamaba, na súa condición de dirixente do partido, o pagamento dunha débeda contraída pola Administración galega. 

Feijóo respaldou fechadamente o silencio de Rajoy: "Contou o que sabe".

Comentarios