O BNG denuncia 'listas de agarda de 23 días' en Atención Primaria

Manuel Lourenzo (Imaxe: Arxina)
photo_camera Manuel Lourenzo (Imaxe: Arxina)

A situación de Atención Primaria preocupa aos nacionalistas. Nunha comparecencia de prensa celebrada na mañá de onte, o deputado do BNG, Manuel Lourenzo, denunciou o “colapso de Atención Primaria”, cualificou a súa situación de “absolutamente desbordada sobre todo nos concellos que multiplican a súa poboación no verán” e criticou “listas de agarda de até 23 días e mesmo centros de saúde coas axendas fechadas”.

“Que máis ten que pasar para que o Sergas reaccione e poña en marcha un plan de choque de 200 millóns de euros para sacar Primaria do abismo?”, preguntouse Lourenzo, quen afirmou que “isto non  se vai solucionar cun cambio de caras senón de políticas”.

Lourenzo referiuse aos cambios na dirección do Servizo Galego de Saúde (Sergas) na área sanitaria de Pontevedra e Salnés, cualificándoo de “circo de ceses e dimisións”, como consecuencia do “caos” existente no sistema sanitario galego. Neste sentido, reclamou responsabilidade a administración porque “estamos falando do dereito a saúde das persoas”.

Os recortes educativos

O voceiro nacionalista alertou dos “recortes en educación, que van afectar de cheo a familias e alumnado co inicio do curso escolar á volta do verán”. Nesa dirección, recoñeceu que “as alarmas saltan tras a publicación da lista de adxudicación de destino dos corpos docentes que suporá a redución de varios centos de profesores e profesoras”. Asemade, propuxo “incrementar o sistema educativo nun mínimo de 1.000 docentes máis no curto prazo e que o punto de partida sexa o curso 2020-2021 para recuperar o terreo perdido”.

“Recorte que implicará unha perda da calidade educativa cun sistema ao límite tras os anos de pandemia, os recortes traerán maior carga burocrática, aulas masificadas e, sobre todo, penalizará ao alumnado que máis atención precisa”, indicou Lourenzo, “porque en aulas que superan amplamente os 30 estudantes non é posíbel darlles o tempo que precisan”.

O deputado do BNG afirmou que “se algo temos claro desde o BNG, é que este país non pode permitirse nin un minuto máis seguir por un camiño que nos está arrasando e que converte en cinzas a nosa sanidade pública, o noso ensino público e o noso rural”. A este respecto, apostou por “un monte multifuncional, recuperar a terra agraria abandonada ou ilegalmente forestada e pór o país a producir cun sector agrogandeiro forte, como teñen todos os países avanzados e poñer en marcha políticas para un rural vivo e con servizos”.

Comentarios