domingo 01/08/21

Pontón considera "un triunfo para Galiza" a anulación da prórroga de Ence

A líder do BNG ve na sentenza un triunfo para Pontevedra e para Galiza e pide a Núñez Feixoo e a ENCE que “asuman a súa derrota” e empecen a traballar no traslado “canto antes”.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (Foto: Arxina)
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (Foto: Arxina)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considera que a sentenza deste 16 de xullo da Audiencia Nacional que estima o recurso do Concello de Pontevedra e o de Greenpeace e anula a prórroga da concesión da planta de Ence na ría de Pontevedra -concedida polo Goberno de Mariano Raxoi cando estaba en funcións- é "un triunfo para Galiza e para Pontevedra", así como para o Concello que lidera o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores e para "a maioría social" que leva "décadas" loitando para que a pasteira marche da ría.

“É un gran día e unha gran vitoria para o país, para Pontevedra e un éxito colectivo da cidadanía, cunha sentenza que dá a razón a quen denunciamos que a prórroga concedida polo PP en tempo de desconto era non só inmoral senón tamén ilegal. Unha decisión do Goberno que non respondía ao interese xeral senón ao interese particular dunha empresa empeñada en pasar por riba da lei e da vontade da cidade de Pontevedra”, argumentou Pontón.

A decisión da Audiencia Nacional supón “un non rotundo” ao intento da pasteira de consolidarse na ría e pon o foco na necesidade de traballar para que haxa unha alternativa. “E canto antes se asuma que o futuro da fábrica pasa polo traslado será mellor para preservar o emprego e para buscar outra ubicación para a factoría”, indicou, e por iso, “Xunta e Ence teñen a responsabilidade de liderar ese proceso e porse mans á obra canto antes para buscar unha nova localización”.

A responsabilidade, subliñou a líder do Bloque, “de que se manteña a fábrica e o emprego é neste momento do Goberno galego e da propia empresa, que deben traballar para executar o traslado”, asumindo o que estabelece a sentenza.

“Hoxe é un día para celebrar”, recalcou Pontón, que instou o Executivo de Feixoo e á pasteira a que acepten a decisión da xustiza. “Que deixen de obstaculizar e deixen de facer trampas e se coloquen na posición máis racional que é a de buscar outra localización para a factoría”, concluíu.

comentarios