Os lazos de Ence coa política: dos membros do PP no Consello de Administración ás ameazas ao BNG

Partido Popular e Bloque Nacionalista Galego (BNG) manteñen relacións antagónicas con Ence dados os intereses dunha e doutra formación política. O PP caracterizouse por sentar nas cadeiras do Consello de Administración da empresa pasteira recoñecidos ex cargos públicos, o BNG fíxoo por encabezar o clamor social pola saída da fábrica da ría de Pontevedra. Unha posición que mesmo provocou as ameazas e intención de agresión contra o alcalde pontevedrés Miguel Anxo Fernández Lores.

Isabel Tocino e Miguel Anxo Fernández Lores.
photo_camera Isabel Tocino e Miguel Anxo Fernández Lores.

A ministra de Medio Ambiente do Goberno de José María Aznar que planificou a venda de Ence foi Isabel Tocino. O proceso de privatización concluíu en xullo de 2001, hai 20 anos, co Executivo presidido por Felipe González, mais a antiga compañía estatal abandonou o sector público no marco da venda de grandes empresas do Instituto Nacional de Industria (INI) executada por Aznar.

A citada ex ministra, procedente da patronal da enerxía nuclear, fixo parte de Consellos de Administración de distintas empresas, entre elas, de Ence. Cadeira que compartiu con Carlos del Álamo, quen fora conselleiro de Medio Ambiente con Manuel Fraga entre 1997 e 2003, é dicir, era o máximo responsábel da política ambiental do Goberno galego cando Ence virou para o sector privado e participou de decisións do Consello da Xunta que beneficiaron a empresa.

Anteriormente, Del Álamo ocupou a Dirección Xeral de Montes e Medio Natural da Xunta da Galiza de 1990 a 1996 e foi responsábel de Conservación da Natureza do Ministerio de Medio Ambiente ás ordes da propia Tocino.

Outros membros do PP que ocuparon cadeira na Dirección da empresa foron Pascual Fernández, secretario de Estado de Costas con Aznar, e Pedro Barato, responsábel durante anos da Asociación de Jóvenes Agricultores, entidade ligada ao Partido Popular.

Tamén foi Mariano Raxoi quen, no seu último Goberno, e estando en funcións, acordou ampliar a concesión de Ence sesenta anos máis, até 2073. Unha prórroga que vén de anular a Audiencia Nacional.

As declaracións de Alberto Núñez Feixoo a favor da permanencia de Ence na ría, e mesmo da necesidade de construír outra fábrica de celulosas na Galiza, explícanse, en parte, polos nexos de unión entre o PP e Ence. 

"Algún día saberase qué gaña o PP"

Precisamente, sobre as relacións entre o PP e Ence pronunciouse o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista concedida a Nós Diario en marzo de 2021: "O PP pactou con Ence hai xa algúns anos intentar por todos os medios que a fábrica permaneza na ría de Pontevedra sine die. O PP aceptou que Ence siga onde está a cambio de que a empresa mudase a política informativa, meter cartos teoricamente no saneamento da ría, que non meteu, e comprar vontades, porque hai un plan social de Ence. Todo iso está encamiñado a xustificar que a fábrica siga no sitio".

"Algún día saberase que gañou o que está gañando o PP con esa aposta de pactar a permanencia de Ence na ría. Hai un pacto entre o PP e Ence que ten a ver con que pasasen polo menos dúas persoas no Consello de Administración da empresa que foron cargos políticos destacados do PP, como Isabel Tocino [ministra de Medio Ambiente] e Carlos del Álamo [conselleiro de Medio Ambiente da Xunta], e algún director xeral, cobrando ademais uns salarios desorbitados para 12 reunións que teñen ao ano. Hai unha conivencia clarísima entre o PP e Ence", afirmaba rexedor nacionalista.

Ameazas contra Lores

O BNG, formación política da que forma parte Lores, acompañou durante décadas as protestas en contra da permanencia de Ence na ría de Pontevedra. Unha posición que lle valeu críticas do Partido Popular, que durante anos desenvolveu campañas para difamar o alcalde pontevedrés e o seu equipo de Goberno, da que tomaron parte traballadores da fábrica de celulosas.

En abril deste ano, un grupo de empregados de Ence, capitaneados por CCOO, asaltaron o departamento de Alcaldía do Concello de Pontevedra e trataron de agredir Lores. O rexedor chegou a declarar que pasou "medo" pola súa "integridade física" tras ocupar o pazo municipal unha ducia de traballadoras e traballadores de Ence "enviados pola empresa e o PP".

O grupo de empregados agrediu verbalmente o rexedor e tratou de agredilo fisicamente. Un extremo que evitou, segundo o propio Lores, a Policía Municipal. Tamén declarou que o portavoz do PP no Concello, Rafael Domínguez, estivo “un bo intre no recibidor da Alcaldía arengando as persoas que a ocuparon”.

Comentarios