“É un día triste”, di a Xunta sobre a anulación da prórroga de Ence

O Goberno de Núñez Feixoo cualifica de “golpe irreversíbel” a Galiza a anulación da prórroga a Ence.

Alberto Núñez Feixoo, con Francisco Conde, nun acto de presentación de proxectos Nect Generation (Foto: David Cabezón)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, con Francisco Conde, nun acto de presentación de proxectos Next Generation (Foto: David Cabezón)

O vicepresidente económico da Xunta da Galiza, Francisco Conde, lamentou o "golpe irreversíbel para Galiza" que supón, ao seu xuízo, a anulación da prórroga da concesión a Ence en Pontevedra, ante o que reclamou "alternativas" ao Goberno estatal.

É "un día triste", dixo, "consecuencia dunha decisión política, do PSOE e do BNG, que decidiron fechar unha empresa" como a pasteira Ence.

Así se referiu o vicepresidente segundo da Xunta á decisión da Audiencia Nacional de estimar o recurso contencioso-administrativo interposto polo Concello de Pontevedra e o de Greenpeace contra as resolucións do Goberno de Mariano Raxoi en funcións polas que se acordou prorrogar a concesión de Ence por un período de 60 anos.

Conde censurou que a situación de 500 familias sexa nestes momentos "de non retorno".

Neste sentido, cualificou a a anulación da prórroga de "golpe" para o sector forestal e loxístico, e engadiu que "dificilmente se pode avaliar" polo de agora o "impacto real" que terá esta decisión.

"Pedimos que o Goberno do PSOE apoiado polo BNG, que tomou esta decisión, poña encima da mesa as alternativas que poden atenuar o impacto dunha decisión que pon 500 familias nunha situación de futuro incerto e inxusto", exixiu.

Comentarios