Pontón condena o ataque ao centro de migrantes de Monforte e pide ao PP "desterrar os discursos de odio"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, condenou "enerxicamente" o ataque con varios cócteis Molotov ao edificio que albergará o novo centro específico de menores migrantes da Xunta da Galiza. Neste contexto, pediu ao PP que "desterre os discursos de odio".
"É unha mecha moi fácil de acender e moi difícil de apagar", destacou. Así o manifestou despois de que na madrugada deste sábado, ao redor das 3 horas, se producira un ataque con varios cócteis Molotov contra este inmóbel, situado en Monforte (Terra de Lemos), feitos que a Policía actualmente investiga.
Tras o sucedido, Pontón pronunciouse na comparecencia convocada tras a primeira reunión deste curso do Consello Nacional do BNG. "Pídolle ao PP que deixe de facer política ruín e partidista con estes nenos que están sos", esgrimiu.
Tras esta condena e preguntada polos medios sobre se pensa que a Xunta debe tomar medidas tras a sucedido, apuntou que debe "garantir a seguridade" destes menores e insistiu en que debe "abandonar" o discurso de odio, que considera que é o que os "pon en risco".
A formación nacionalista ve "con preocupación" un PP que "importa un discurso racista e de odio" contra os menores migrantes, quen, segundo subliñou a portavoz do BNG, "perderon ás súas familias e necesitan unha oportunidade".
"Somos un pobo emigrante e unha terra de acollida e así debemos de seguir sendo", engadiu Pontón, ao tempo en que insistiu no BNG como unha "alternativa" política ao actual Executivo galego liderado por Alfonso Rueda.

