Pontón aposta por activar a mesa do leite para garantir prezos xustos

Ana Pontón, no centro, na visita desta terza feira ás instalacións de CLUN. (Foto: Nós Diario)
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou esta terza feira as instalacións da cooperativa gandeira CLUN en Ames (comarca de Compostela).

A dirixente nacionalista comprometeuse a activar a mesa do leite para garantir uns prezos xustos para as produtoras e os produtores. A dirixente nacionalista defendeu a mesa polo leite como mecanismo de negociación entre produtoras e industria, “un espazo de interlocución no que abordar todas as cuestións de interese para ambas as partes, particularmente todo o relacionado coa comercialización e os prezos”.

Nesta liña, Pontón reclamou medidas das diversas Administracións para rematar coa venda do leite por baixo dos prezos de custo como está a acontecer na actualidade. "Queremos un sector no que os produtores e as produtoras reciban prezos xustos, no que o leite non sexa utilizado como reclamo nas grandes superficies comerciais", asegurou Pontón, quen lembrou que a Lei da cadea alimentaria estabelece que "non se pode pagar por debaixo dos custos de produción".

Nesta liña, reclamou do Goberno galego “un estudo rigoroso e científico no que participen as universidades e profesionais da Administración sobre os custos de explotación”.

Pontón presentou o complexo lácteo como “estratéxico” para o futuro do país. Nesta dirección, apostou por reactivar o Observatorio Lácteo, “potenciando aquelas liñas de traballo que contribúan a reducir os custos de produción nas explotacións ou a recuperación de terras agrarias e produtivas para ampliar a base das explotacións lácteas, co compromiso de mobilizar 100.000 hectáreas na próxima década”.

Asemade, asegurou que "queremos un sector onde haxa moita capacidade de innovación e que apostemos pola transformación dos produtos”. A nacionalista considerou “inconcibíbel dar as costas a 90% do territorio por iso apostamos por un medio rural vivo, produtivo, habitado, que xere calidade de vida e que ten unha enorme potencialidade á hora de xerar riqueza".