Pedro Sánchez adianta as eleccións estatais ao 23 de xullo

Comparecencia do presidente Pedro Sánchez na Moncloa.
Nunha declaración institucional sen preguntas en Moncloa, Sánchez informou de que falou co rei Felipe VI para comunicarlle a convocatoria dun Consello de Ministros extraordinario e a disolución das Cortes.

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou o adianto das eleccións estatais para o próximo 23 de xullo tras asumir persoalmente a derrota electoral sufrida este domingo polo PSOE nas eleccións municipais.

Nunha declaración institucional sen preguntas en Moncloa, Sánchez informou de que falou co rei Felipe VI para comunicarlle a convocatoria dun Consello de Ministros extraordinario e a disolución das Cortes.

"Asumo os resultados", dixo o presidente do Goberno, que optou por someter polo "mandato democrático á vontade popular".

O PSOE perdeu este domingo as eleccións municipais por tres puntos fronte ao PP e cedeu boa parte do poder territorial do que dispuña até o de agora, ao perder seis das nove comunidades autónomas que gobernaba.

Emiliano García-Page retivo con maioría absoluta Castela-A Mancha, mentres que os socialistas poderán seguir tamén á fronte de Asturias, con apoio de EU e Podemos, e de Navarra, onde María Chivite xa adiantou que buscará o respaldo dos seus actuais socios.

Menos de dous meses

Esta decisión de Sánchez chega xusto un día despois dos comicios locais e a data escollida sitúase a menos de dous meses. Ademais, a votación terá lugar só dous días antes da celebración do Día da Patria Galega.