VÍDEO

O peculiar relato de Feixoo sobre a súa infancia que axita as redes sociais: "Seguía con interese a procreación dos coellos"

O líder do PP volve tornar 'viral' na internet cunha intervención que fai lembrar o ex presidente Mariano Raxoi.
Alberto Núñez Feixoo intervindo esta cuarta feira no Congreso de Afammer. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo intervindo esta cuarta feira no Congreso de Afammer. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)

Non é a primeira vez que as redes sociais sinalan as curiosas semellanzas entre os discursos de Mariano Raxoi e os de Alberto Núñez Feixoo. Desde o "gústanme Catalunya e as súas xentes porque fan cousas" do primeiro ao "para estar en Catalunya hai que vir a Catalunya" do segundo, pasando por outras moitas intervencións do actual líder do PP que emulan os vídeos 'virais' do ex presidente do Goberno estatal.

A última aparición de Núñez Feixoo en televisión, esta cuarta feira no marco do III Congreso Internacional da Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural, non deixou ninguén indiferente polo seu peculiar relato rememorando os seus tempos mozos.

"A infancia acompáñate sempre. A infancia non só son lembranzas, a infancia é a conformación da personalidade de calquera persoa. E na miña casa tamén había galiñas e porcos. Non había moitos, matabamos un ano ano, lembro que era unha festa", comezou dicindo o senador popular.

Acto seguido, retomou o relato cunhas palabras que correron como a pólvora a través das redes sociais: "Seguía con interese a procreación dos coellos que había na casa".

"Tiñamos colmeas, saudabamos as anduriñas na primavera, escoitabamos os xílgaros e tamén nos daban pena os gorrións durante o inverno. E no meu pobo non había auga corrente, entenderán que non sabiamos que eran as lavadoras. Tampouco chegaran á casa as neveiras", engadiu.

Feixoo concluíu a súa intervención coas seguintes palabras: "Son neto dunha avoa do rural e son fillo dunha muller que medrou e que me tivo a min e a miña irmá tamén no rural".

Comentarios