O PPdeG non teme reeditar a 'foto de Colón' e apoia a nova protesta

A viceportavoz do PP no Parlamento galego, Paula Prado, cargou contra os posíbeis indultos ás presas e presos condenados polo procés e apoiou que o PP acuda o vindeiro 13 de xuño á manifestarse na madrileña Praza de Colón.
A viceportavoz parlamentar do PP, Paula Prado. (Foto: Arxina)
photo_camera A viceportavoz parlamentar do PP, Paula Prado, antes de comparecer en rolda de prensa na Cámara galega (Foto: Arxina)

A viceportavoz do PP no Parlamento galego, Paula Prado, apoiou que o PP acuda o vindeiro 13 de xuño á madrileña Praza de Colón, igual que o farán Ciudadanos e Vox, nunha protesta convocada pola asociación Unión 78 para manifestarse contra os indultos ás presas e presos cataláns condenados no xuízo ao procés. 

"Non é unha cuestión dunha foto, é un cuestión de reivindicar e manifestar o noso rexeitamento a que se dean indultos a uns señores que insisten en que van seguir tentando a independencia de Catalunya en España, contra a que nós estamos absolutamente en desacordo", xustificou.

Ante o temor de que outra 'foto de Colón' con Vox poida pasar factura en apoios aos populares -tanto Núñez Feixoo como Pablo Casado compartiron con Vox a manifestación de Colón de hai dous anos-, Prado suxeriu que "non pasa nada" por que se manifesten "en contra" desta decisión do Goberno de España.

"Para nós, é unha moi mala noticia en democracia que se  indulte uns señores que provocaron o 1 de outubro e o intento de independencia de Catalunya", insistiu Prado.

Manifestación de Unión78

Tanto PP, como Vox e Ciudadanos xa manifestaron o seu apoio á concentración de 13 xuño, aínda que non aclararon se os seus líderes reeditarán a famosa "foto de Colón" de febreiro de 2019.

Foi aquela mobilización a á que deu nome á coñecida como "Foto de  Colón", así se acabou por coñecer a protesta que a 10 de febreiro de 2019 reuniu por primeira vez na mesma imaxe  Pablo Casado, Santiago Abascal e Albert Rivera.

A manifestación ultraespañolista contou con nutrida participación de ultradereitistas e coa presenza entusiasta do presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo.

Comentarios