Paula Prado compara a agresión contra o centro de menores migrantes de Monforte coas protestas solidarias con Palestina na Volta

"Hoxe, co ataque ao centro de menores de Monforte, Ana Pontón di que 'a mecha do odio é fácil de acender e difícil de apagar', mais hai unha semana estaba incitando á violencia en La Vuelta e alenta o alboroto sempre que pode. A hipocrisía do BNG en todo o seu esplendor", afirmou.
A secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado. (Foto: Nós Diario)
A secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado. (Foto: Nós Diario)

A secretaria xeral do PP, Paula Prado, aproveitou a agresión ao centro específico para menores de Monforte (Terra de Lemos) para cargar contra a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e estabelecer unha comparanza entre esta agresión e as protestas solidarias con Palestina durante a Volta ciclista.

"Hoxe, co ataque ao centro de menores de Monforte, Ana Pontón di que 'a mecha do odio é fácil de acender e difícil de apagar', mais hai unha semana estaba incitando á violencia en La Vuelta e alenta o alboroto sempre que pode. A hipocrisía do BNG en todo o seu esplendor", afirmou.

A deputada do PP Nicole Grueira, citando a condena ao ataque contra o centro específico para menores migrantes do parlamentario nacionalista Iago Suárez e de Galiza Nova, estebeleceu a mesma comparanza de Prado entre esta agresión e as protestas en solidariedade con Palestina durante a Volta ciclista.

"Os que hai unha semana estaban alentando as barricadas en La Vuelta din hoxe, co ataque ao centro de menores de Monforte, que 'o odio só provoca máis odio'. Odio e violencia son as dúas cousas e non se pode tolerar. A ver se vos dades conta!", esgrimiu a deputada do PP.

Pola súa parte, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, compartiu un comentario en redes sociais no que condena a agresión ao centro de Monforte. "O sucedido en Monforte contra o centro da Asociación Prodeme é absolutamente intolerábel. Galiza non vai tolerar actitudes de racismo ou xenofobia. Confiamos en que a investigación policial aclare axiña os feitos", manifestou.

En concreto, foi durante a madrugada deste sábado cando, ao redor das 3 horas, se produciu un ataque con varios cócteis Molotov contra este inmóbel, situado en Monforte, feitos que a Policía actualmente investiga.

A acción realizouse a través do lanzamento de varios cócteis Molotov (bombas incendiaria de fabricación caseira) a través dunha das xanelas do lateral do edificio que tería causado importantes danos na propiedade de Prodeme cedida para o centro específico para menores migrantes.

Comentarios