O PPdeG convoca para os días 21 e 22 de maio o conclave no que Alfonso Rueda sucederá Feixoo

Rueda será, en consecuencia, o candidato popular á presidencia da Xunta en 2024.
Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda, no Congreso do PP pontevedrés decorrido o pasado ano (Foto: PP).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda, no Congreso do PP pontevedrés decorrido o pasado ano. (Foto: PP)

A Xunta Directiva do PPdeG, o seu máximo órgano entre congresos, activou esta segunda feira a maquinaria interna para convocar os días 21 e 22 de maio o conclave extraordinario que ratificará no partido a sucesión de Alberto Núñez Feixoo, que deixou as rendas da formación na Galiza, así como a presidencia da Xunta, para porse á fronte do PP estatal.

Salvo sorpresa, e logo de recibir o apoio do resto de presidentes provinciais e dos principais dirixentes do partido, Alfonso Rueda sairá dese congreso como novo líder do PP galego e, en consecuencia, porque así o determinan os Estatutos da formación, candidato á Xunta para 2024. Ademais, renovarase a dirección e verase se hai algunha chiscadela do líder pontevedrés aos outros representantes do poder territorial.

Previamente, segundo o calendario ratificado por Feixoo, saldarase a substitución institucional. O aínda presidente da Xunta debe dimitir para continuar o proceso e unha vez que o faga arrincarán os trámites preceptivos e Rueda será investido como novo presidente da Galiza no Parlamento en cuestión de días —non se superarán as dúas semanas—.

Nesta conxuntura, os populares galegos deixarán resoltos ambos os procesos de forma paralela, o que permitirá cumprir a máxima de Feixoo de que "en maio, todos estean nos seus postos".

O proceso do partido, máis lento que o institucional, bota a andar coa convocatoria do conclave este día 18, xusto cando se fan 13 anos da primeira toma de posesión de Feixoo como presidente galego no ano 2009.

O congreso, cuxa data e cronograma anunciou o secretario xeral, Miguel Tellado, quen dirixe o partido de forma interina e que foi ratificado co voto unánime da Xunta Directiva, decorrerá no Recinto Feiral de Pontevedra, onde estaba previsto que tivese lugar o último conclave galego en xullo de 2021, cuxa localización se trasladou a Compostela por mor da pandemia.

O secretario xeral do PPdeG e presidente en funcións desde o salto de Feixoo a Madrid aproveitou para pronunciar un discurso de despedida e para asegurar que coa marcha do dos Peares féchase "unha das etapas de maior prosperidade da historia" da Galiza en materias como educación, sanidade, políticas sociais, baixadas de impostos e financiamento.

"O legado do presidente Feixoo é unha Galiza mellor, orgullosa de si mesma e máis preparada para afrontar os grandes retos de futuro", recalcou, tras o cal marcou os que serán os dous grandes desafíos políticos da próxima dirección: seguir sendo o partido "que máis se parece á Galiza" e construír "unha alternativa" ao Executivo de Pedro Sánchez.

A pesar do momento "agridoce" que, segundo confesou Tellado, vive o PPdeG tras a marcha de Feixoo, tamén aclarou que o país non perde un presidente, senón que terá "dous": "Un na Xunta e outro no Goberno de España".

Malia que esta segunda feira Rueda aínda non confirmou a súa candidatura por "total respecto" aos tempos orgánicos, segundo xustificou, o calendario aprobado pola Xunta Directiva xa permite facelo. O prazo para presentar as 90 firmas de afiliados para concorrer como candidato ao congreso concluirá ás 20 horas do 28 de abril.

Feixoo pide proseguir co "galeguismo integrador"

Pola súa parte, o aínda presidente da Xunta dixo: "Pídovos que non abandonedes o galeguismo integrador que practicamos e seguiremos practicando". A dirección estatal do PP, apuntou entre gargalladas, "non o vai a impedir".

Á nova dirección que se consolide no PPdeG pediulle tamén "non abandonar a cordialidade" á hora de defender "as linguas cooficiais", antes de engadir que a dirección estatal "tampouco o vai a impedir".

Comentarios