Primarias o 8 de outubro

O PSdeG, á procura de superar a interinidade

O proceso polo que o PSdeG elexirá o seu novo secretario xeral achégase ao desenlace. A dez días das eleccións primarias, ningún dos aspirantes -dous deputados no Parlamento galego e un profesor universitario- entende unha alternativa a Feijóo sen alianzas con outras forzas. E todos falan de reiniciar o partido para, dunha vez, superar a interinidade en que se instalou logo da estrepitosa caída de Gómez Besteiro.

Sede PSG PSOE Santiago de Compostela
photo_camera Imaxe da sede do PSdeG en Santiago de Compostela

Gonzalo Caballero foi o candidato que máis apoios recadou entre a militancia. Polo menos, de medilos mediante as sinaturas coas que os afiliados o avalaron: máis de 2.600, fronte ás 2.323 que reuniu o portavoz no Horreo Xaquín Fernández Leiceaga e as 2.100 de Juan Díaz Villoslada, parlamentario e o home que conta coa bendición da xestora que dirixe o partido.

"Eu agardo ao día 8 de outubro", sinala Villoslada, "cando cada militante é un voto, ese é o día decisivo". Para el, a correlación entre avais e votos "non é automática". Remítese ao acontecido no PSOE, cando Pedro Sánchez e Susana Díaz disputaron a cara de can o liderado orgánico. Sánchez impúxose á presidenta de Andalucía aínda que esta obtivera máis avais de militantes. O propio Gonzalo Caballero, profesor de economía, tamén parece tomar o dato con prudencia, malia os resultados ao seu favor: "Superamos as nosas expectativas, pero asumímolo con humildade".

Gonzalo CaballeroÉ a terceira lexislatura da historia en que o PSdeG non é a primeira forza da oposición no Parlamento de Galiza. O BNG superárao en 1997 e en 2001. O pasado ano fíxoo En Marea. Para Xaquín Fernández Leiceaga, as primarias deben servir para "arrincar o motor do partido". E cómpre "unidade". "Temos que ser un partido forte, referente da esquerda", engade. Leiceaga alerta da complexidade da fase en curso do proceso interno porque, ao non haber unha segunda volta, o secretario xeral escollido non disporá do "apoio intenso necesario".

Hai uns días, o portavoz parlamentario mesmo pedía a retirada da candidatura de Villoslada. A sombra dun pacto entre candidatos, con posterior reparto de responsabilidades -a secretaría xeral e a portavocía parlamentaria-, sobrevoa a contenda. "Eu vexo que os outros candidatos buscan máis a confrontación comigo que a exposición das súas propostas", considera Díaz Villoslada, "imaxino que será unha estratexia de campaña, lexítima, pero indica que ven a miña candidatura con posibilidades de gañar".

Máis alá dos datos sobre avais, o horizonte das eleccións primarias do PSdeG non aparece despexado. Coas determinantes agrupacións de Vigo dominadas por Abel Caballero -frontalmente contrario ao seu sobriño Gonzalo Caballero- sen pronunciarse en voz alta, os tres aspirantes insisten na súa dedicación a percorrer as bases. "Nós seguimos visitando agrupacións e percibimos que hai vontade de cambio", afirma, precisamente, Gonzalo Caballero.

Xoaquín Fernández LeiceagaLeiceaga apónlle ás primarias virtudes de sutura. "Como pasou despois do proceso entre Pedro Sánchez e Susana Díaz, serven para aplacar divisións", considera. E, no PSOE galego, "teñen que contribuír a pechar unha etapa e abrir unha nova, en que as divisións queden atrás". O recurso á idea de novidade tamén aparece nas palabras de Villoslada. Para o deputado pola Coruña, próximo a Pedro Sánchez, a súa opción achega "unha nova forma de ver o partido e proxectalo cara ao futuro". "Novo proxecto, novas políticas, novos referentes", di Caballero.

As eleccións primarias provocan certa viraxe cara adentro das organizacións políticas. Villoslada afirma que esa circunstancia se agrava nos seus competidores: "Véxoos demasiado centrados nos debates internos. Eu non teño esa carga". En todo caso, os matices ideolóxicos entre os aspirantes non resultan evidentes. A diferenza doutros partidos enmarcados na socialdemocracia europea -os laboristas ingleses, o socialismo francés, mesmo as últimas primarias do PSOE-, o debate no PSdeG non se substancia no eixe (relativo) esquerda-dereita, non existen disidencias estrondosas. Tampouco sobre a cuestión nacional.

"España está abrindo un período de reconfiguración", alerta Fernández Leiceaga, co proceso de autodeterminación catalán ao fondo, "e Galiza ten que estar aí cunha posición forte". Gonzalo Caballero, igual ca Leicega, é economista, e salienta "a especial realidade económica do país, que languidece despois de tres lexislaturas de Feijóo". A tradicional querenza do PSdeG por integrar economistas na súa dirección, e certa tendencia ao discurso tecnocrático, mantense. Tamén a continua referencia á súa "capacidade de goberno e xestión". A Villoslada, licenciado en dereito, preocúpalle especialmente o desequilibrio territorial, "a desertización do que non é a fachada atlántica".

VillosladaPero hai algo inédito na mensaxe que emiten os tres candidatos a encabezar o PSdeG. Ningún deles obvia que calquera alternativa política e institucional pasa por tecer alianzas con En Marea e o BNG. "Sabemos dialogar e chegar a acordos con outras forzas", afirma Villoslada, "pero queremos ser a primeira forza e disputar o goberno ao PP". "Tendemos a man a outras forza para xerar unha alternativa gañadora progresista", opina Leiceaga. Con todo, este é máis crítico, e acusa o Bloque de soster posicións "divisivas e contrarias aos intereses do país" no que respecta ao financiamento autonómico. Os nacionalistas reclaman un concerto análogo ao do País Vasco. En Marea apoiouno no Parlamento.

O actual portavoz parlamentario tamén menciona as dificultades de entendemento entre as forzas opostas ao Partido Popular "alí onde é máis importante". Refírese aos concellos, e cualifica os desencontros no Hórreo de "anécdotas que se magnifican". Porén, os tres aspirantes á secretaría xeral volven coincidir na necesidade de rematar coa provisionalidade que, ao seu xuízo, reforza a Feijóo. E "reactivar" a maquinaria dunha organización que, en Galiza, conta 14 deputados no Parlamento, seis no Congreso, 94 alcaldías e 1.039 concelleiros dos 3.766 que se escollen no país.

Comentarios