O Parlamento volta á actividade centrado na situación da Atención Primaria

O estado da Atención Primaria protagonizará o primeiro pleno de 2022, que comeza a vindeira terza feira.
O Parlamento da Galiza durante un pleno decorrido en decembro. (Foto: David Cabezón / Europa Press)
photo_camera O Parlamento da Galiza durante un pleno decorrido en decembro. (Foto: David Cabezón / Europa Press)

O pleno do Parlamento volve á actividade a próxima semana despois da parada polas festas, nunhas xornadas que estarán marcadas pola situación da Atención Primaria no Servizo Galego de Saúde, que recibiu múltiples denuncias de “colapso” durante a sexta vaga da pandemia da Covid-19.

A partir das 10 horas da terza feira comeza a sesión plenaria, na que está programada a comparecencia do titular da Consellaría de Sanidade, Julio García Comesaña, e mais do presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, que terá que responder á líder da oposición e voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón.

Nada máis coñecerse a convocatoria, a vicevoceira do BNG no lexislativo, Olalla Rodil, denunciou que as explicacións de Comesaña “chegan 14 días tarde”, en referencia ao voto negativo do PP na Deputación Permanente perante a proposta de que o conselleiro dera conta da situación da sanidade pública.

Asemade, Rodil fixo fincapé en que o problema da Atención Primaria é anterior á pandemia de SARS-CoV-2 e até dos “recortes” orzamentarios do servizo, e informou de que preguntarán arredor do "colapso de atención primaria" e das medidas que está a aplicar o gabinete para “garantir o dereito á saúde”.

No que atinxe ao Partido dos Socialistas de Galicia, o deputado Luís Álvarez adiantou que cuestionarán a Feixoo sobre a “polémica artificial” do repartimento do fondo Covid, replicando a denuncia feita pola Comunidade de Madrid.

Criticando ao Goberno do PP por mor de que "ten moito que ocultar na súa deficitaria xestión" dos fondos proporcionados pola Unión Europea, Álvarez apuntou que “o único que fai é sementar dúbidas do Goberno do Estado, cando ninguén lles cre en Europa”.

Pola súa banda, o PP fixo público que levará iniciativas para que o Estado prolongue as exencións fiscais do Xacobeo en 2022, así como unha referida á situación de Alcoa.

Amais, preguntarán pola valoración da futura lei de vivenda estatal e as oposicións no ensino, que anunciou o conselleiro Román Rodríguez hai uns días.

Comentarios