Paloma Castro e David Regades competirán polo liderado do PSdeG en Pontevedra

Presentación dos avais por parte do equipo da candidata socialista Paloma Castro. (Foto: Candidatura Paloma Castro)
As súas candidaturas sumáronse esta segunda feira, 3 de xaneiro, á presentada polo militante socialista Francisco Barreiro o pasado mes de decembro, que vén de anunciar a súa renuncia.

Paloma Castro e David Regades fixeron oficial esta segunda feira, 3 de xaneiro, o seu enfrontamento pola secretaría xeral do PSdeG de Pontevedra, após presentar as duas candidaturas co número de avais requeridos, que sería a tres bandas coa proposta de Francisco Barreiro, retirado a última hora do proceso.

O proceso será interno e dará comezo unha vez se comproben os avais. O primeiro paso será presentar ás diferentes agrupacións cada proxecto, para concorrer ás primarias que decorrerán o próximo día 23 de xaneiro.

Regades opta á reelección pero defendeu, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado por cargos do partido e militantes, a “democracia” interna do partido ao permitir estas primarias, que lle agradeceu aos seus dous opoñentes.

En calquera caso, fixo fincapé na súa campaña cunha iniciativa de futuro que “é socialista, progresista, feminista e municipalista”.

Desde o seu punto de vista, tamén vai acorte “ao que ten o partido en Ferraz, ao proxecto de Pedro Sánchez e ao que ten o partido na Galiza”.

Pola súa parte, Castro -afín ao ex secretario xeral do PSdeG na Galiza, Gonzalo Caballero- pediu o respaldo de 800 socialistas malia precisar só 398.

A agora deputada no Parlamento, asegurou estar “ilusionada” coa súa idea dunha formación e unha política “na esquerda, feminista, coa bandeira do ecoloxismo e da xustiza social”.

Renuncia de Barreiro

O terceiro nesta carreira polo liderado era o militante Francisco Barreiro, que xa comunicara o paso adiante a finais do pasado mes de decembro. Porén, a primeira hora desta terza feira o militante vigués emitiu un comunicado no que informa da retirada da súa candidatura por "circunstancias persoais".

"O equipo acordou que ningún dos seus compoñentes fará parte dalgunha das outras dúas candidaturas", dixo, se ben agradeceu as "ofertas" recibidas.