Pablo Iglesias acusa Yolanda Díaz de "aliarse con mafiosos para destruír Podemos"

O ex líder de Podemos afirma que se arrepinte de entregar "tanto poder" á líder de Sumar.
Pablo Iglesias e Yolanda Díaz (Foto: Europa Press).
photo_camera Pablo Iglesias e Yolanda Díaz (Foto: Europa Press).

O ex líder de Podemos Pablo Iglesias afirmou esta segunda feira que se arrepinte de entregar "tanto poder" á líder de Sumar e vicepresidenta segunda do Goberno español, Yolanda Díaz, á que deixou o liderado do espazo de Unidas Podemos.

Así o dixo nunha entrevista ao Diari de Barcelona ao preguntárselle se se arrepinte de favorecer o seu liderado: "Si. Arrepíntome de entregarlle tanto poder sen deixar ligado un proceso democrático".

"Confiaba nela e confiaba en que abría un proceso democrático, que respectaría o peso democrático de Podemos. Claro que me arrepinto. Traballou para destruír a Podemos aliándose con mafiosos e cos seus inimigos máis evidentes", engadiu na mesma resposta sobre a súa compañeira no Goberno estatal e da que foi asesor durante a etapa da ferrolá á fronte de Esquerda Unida na Galiza.

Iglesias tamén dixo que hoxe tería tomado "moitísimas" decisións diferentes e ademais sinalou que moitas escollas persoais foron moi duras, así como que se decepcionou con compañeiros que tamén eran amigos.

“Non repetiría”

Ademais, o ex líder de Podemos asegurou que "non repetiría" os primeiros anos de Podemos, que lle comportaron perder a intimidade, levar escolta e ser obxecto permanente de agresividade mediática, nas súas palabras.

Si considera un acerto que Podemos entrase no Executivo español en 2019, "e a proba é que sen Goberno non existiría Yolanda Díaz mais tampouco Irene Montero ou Ione Belarra", e valorou que o Executivo dá experiencia de xestión e permitiulles ver de moito máis perto as estruturas do Estado.

Por iso, afirmou que "unha esquerda que non aspire a ser Estado non ten posibilidades de transformar practicamente nada. Os independentistas cataláns entenderon que o dereito para decidir pasa por gañar unha batalla política dentro do Estado español. Desde fóra é imposíbel".

Como concorrer ás europeas

Ao preguntárselle se Podemos se presentará pola súa conta ás eleccións europeas, contestou que a decisión corresponde ao partido: "Mais a min paréceme que é unha posibilidade. Podemos ten que volver ser unha opción electoral autónoma. Tense que facer visíbel", aínda que se descarta como candidato.

Sobre o futuro de Podemos, engadiu: "Calquera posibilidade de acordo con outras formacións políticas pasará pola existencia dunhas primarias abertas, mais sospeito eu que non están moito pola labor os partidos de Sumar".

Comentarios