Pablo Casado convoca unha reunión cos baróns do PP para intentar achegar posturas

Núñez Feixoo e Pablo Casado en Abegondo (Foto: M. Dylan / Europa Press)
O presidente do PP resístese a dimitir, mentres a presión de dirixentes territoriais como Alberto Núñez Feixoo, Isabel Diaz Ayuso e Juanma Moreno aumenta.

O presidente do Partido Popular (PP) a nivel estatal, Pablo Casado, citou na cuarta feira o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, xunto co resto de baróns populares nas diferentes autonomías, para intentar achegar posturas antes da Xunta Directiva Nacional que decorrerá a vindeira semana.

Así o confirmaron fontes da cúpula do PP a Europa Press, e engaden que Casado puxo o encotro para as 17 horas da cuarta feira, corenta e oito horas despois da reunión do comité de dirección da formación política, que durou máis de sete horas e na que o presidente do Partido Popular resistiuse a dimitir como dirixente da formaciñon, tal e como os baróns lle terían exixido.

No encontro, Pablo Casado agarda poder achegar posturas cos dirixentes territoriais do PP ante a posíbel convocatoria dun congreso nacional de urxencia no vindeiro mes de marzo.

Polo de agora descoñécese se os baróns territoriais , claramente posicionados en contra do actual presidente do PP e do seu secretario xeral, Teodoro García Egea, acudirán á reunión.

Xunta Directiva Nacional

O presidente do PP estatal, Pablo Casado, convocará a vindeira segunda feira unha reunión da Xunta Directiva Nacional, máximo órgano do partido entre congresos, segundo acordou esta tarde o comité dirección do PP logo de máis de sete horas de debate interno.

Casado anuncia esta reunión da Xunta Directiva para dentro dunha semana, un prazo que lle permitirá manter contactos co obxectivo buscar consensos cos territorios. Fontes do seu equipo aseguraron á axencia Europa Press que a súa intención sería "reforzar" a Executiva integrando persoas próximas a 'baróns' territoriais como Alberto Núñez Feixoo ou Juanma Moreno.

A pesar das fortes presións internas, o líder do PP negouse a presentar a súa dimisión e apostou por medir as súas forzas cos baróns territoriais nunha Xunta Directiva Nacional, o órgano que ten capacidade para convocar os congresos do partido.

En concreto, os Estatutos do PP sinalan que a celebración dun congreso extraordinario exixe debate previo, fixado na orde do día da Xunta Directiva, e resolución final de convocalo adoptada "pola maioría de dous terzos dos compoñentes da mesma", que supera os 300 membros.