Feixoo falou con Ayuso e outros baróns do PP antes de instar Casado a tomar "unha última decisión"

O presidente do Executivo galego intercambiou chamadas cos Ayuso e outros 'baróns' do Partido Popular antes de urxir Casado a tomar unha decisión. Segundo Feixoo, o PP encóntrase nunha "situación de colapso".
O presidente Núñez Feixoo xunto a Pablo casado e Isabel Díaz Ayuso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O presidente Núñez Feixoo xunto a Pablo casado e Isabel Díaz Ayuso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feixoo, intercambiou chamadas cos diferentes 'baróns' do seu partido no marco da crise interna que estorou no PP como consecuencia da guerra aberta entre o líder dos populares, Pablo Casado, e a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.

Precisamente, fontes do PP galego confirmaron que Ayuso é unha das dirixentes coas que Feixoo mantivo conversacións, aínda que subliñan que falou con ela e con "moitos" outros 'baróns' e compañeiros de partido nos últimos días, ante a "situación de colapso" da formación, segundo as palabras que utilizou este luns o propio presidente da Xunta.

As fontes consultadas destacan a "normalidade" de que os 'baróns' falen entre eles neste contexto de tensión e negáronse a dar detalles das conversacións privadas do presidente, quen tampouco quixo explicar publicamente o que trasladou a Casado, aínda que subliñou que transmitiu "clara e nitidamente" o que pensa.

Feixoo advirte Pablo Casado

Con todo, lanzou unha mensaxe contundente apuntando directamente ao seu xefe de filas, a quen advertiu de que, dado que a crise non se pechou, debe "resolvela" asumindo "até a última responsabilidade" e tomando unha "última decisión". Son necesarias "decisións urxentes", insistiu, para concluír que "non van ser fáciles", pero son "imprescindíbeis".

Feixoo non desvela se se postula para a presidencia do PP

Feixoo tamén evitou desvelar se dará un paso adiante ante un eventual congreso extraordinario do partido nunha xornada na cal Ayuso si se descartou publicamente.

"O meu lugar é Madrid", dixo, nunha comparecencia ante os medios en que tamén instou, en liña co líder galego e outros baróns, unha solución para unha situación do partido que ve "insostíbel".

Comentarios