Os orzamentos de Lugo para 2023 aproxímanse aos 118 millóns

Maite Ferreiro, no centro, e Rubén Arroxo, onte. (Foto: Nós Diario)
As partidas buscan crear máis espazos públicos

A Corporación de Lugo aprobou hoxe nun pleno extraordinario os orzamentos municipais para o próximo ano, que se aproximan aos 118 millóns de euros. As contas saíron adiante co voto a favor das forzas políticas que forman o Goberno bipartito: o PSdeG -con oito actas- e o BNG -con cinco-. O PP e Ciudadanos votaron en contra. 

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, salientou, en declaracións aos medios de comunicación, o incremento duns orzamentos que "seguen afondando na recuperación económica e na transformación" da cidade. Ademais, chamou a atención na "protección social" que contemplan, con partidas de case 30 millóns que van destinadas a políticas sociais para protexer a cidadanía, nomeadamente as persoas máis vulnerábeis. Tamén deu conta da conxelación de taxas e impostos municipais.

Pola súa parte, o tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, presentou as partidas das cinco áreas dependentes da Tenencia de Alcaldía. Segundo o nacionalista, os orzamentos municipais foron deseñados baixo a idea de “continuar a avanzar na mellora de Lugo, facendo unha cidade máis amábel para as persoas”. Tamén destacou que “estes orzamentos van permitir xerar emprego en Lugo, ademais de continuar coa mellora da cidade executada polo Goberno de Lugo estes anos”.

Neste sentido, o tenente de alcalde sostivo no pleno que estes orzamentos “continúan na liña que comezamos hai tres anos para seguir relanzando Lugo e para facer os cambios necesarios que poñan en valor a nosa cidade”. Entre algúns destes cambios, Arroxo citou a creación de espazos públicos. “Nestes anos peonalizáronse 15 rúas, algo que vimos moi necesario, sobre todo após os meses de pandemia nos que nos decatamos de que practicamente non había espazo público".

Afirmou, ademais, que as contas de 2023 “seguen potenciando barrios como o de Recatelo, con toda a súa renovación, ou o da Milagrosa” e que contemplan “melloras no tráfico na contorna de Fontiñas" e "a atención dos barrios periurbanos".

Por todo isto, o tenente de Alcalde concluíu que as partidas para 2023 seguirán “apostando por unha cultura que teña en conta os grupos locais” e que, polo tanto, “poñan en valor a nosa cidade para que Lugo siga avanzando”.