Ortuzar (PNV) apunta que no PP español barallan febreiro para as eleccións galegas: "Queren que sexa a primeira confrontación coa nova era Sánchez"

“Creo que o PP quere que sexa a primeira confrontación coa nova era Sánchez porque supostamente na Galiza vai ser mellor para eles que en Euskadi”, afirma o líder do Partido Nacionalista Vasco.

Andoni Ortuzar, presidente do EBB do PNV (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Andoni Ortuzar, presidente do EBB do PNV (Imaxe: Europa Press)

O presidente do PNV, Andoni Ortuzar, continúa a dar por feito que as eleccións decorrerán antes na Galiza que en Euskadi, rachando así a tendencia das catro últimas convocatorias de ter lugar ambas as dúas no mesmo día.

E continúa a situar a data das eleccións galegas en febreiro. Un mes ao que o líder jelkide xa se referiu nunha entrevista a principios de semana e á que se volveu referir na noite desta quinta feira a preguntas dos xornalistas no programa Hora 25. Preguntáronlle sobre o ‘malestar’ de Alfonso Rueda por situar Ortuzar as eleccións galegas en febreiro e dicir que se estas coincidiron coas vascas nas últimas catro convocatorias fora a petición “dos galegos”.

“Eu facíame eco dos comentarios que oía en Madrid de moi perto do partido do señor Rueda, non sei se lle sentaron mal. Pido desculpas”, afirmou o dirixente do PNV.

“Ás veces traizóame a alma de xornalista e moitas veces no canto de presidente do partido político son analista. Mais creo que iso é verdade, que é así. Todo o que se comenta en Madrid é que vai haber un duelo importante na Galiza, que o PP vai revalidar a súa maioría absoluta e o resto van ver se o tomban”, respondeu Ortuzar.

“Será un feito relevante o que pase. Creo que o PP quere que sexa na Galiza a primeira confrontación coa nova era Sánchez porque supostamente vai ser mellor para eles que en Euskadi”, concluíu.

Rueda negou esta quinta feira ter mantido contactos co Partido Nacionalista Vasco (PNV) para marcar unha data conxunta para as eleccións en Euskadi e na Galiza. De coincidiren en 2024, sería a quinta vez consecutiva que ambos os países votan na mesma data a composición dos seus respectivos Parlamentos.

Na mesma rolda de prensa, Rueda foi preguntado pola prensa acerca da posíbel data das eleccións ao Parlamento da Galiza que deben ter lugar en 2024. Ante estas cuestións, o máximo mandatario galego evitou dar unha data concreta para os comicios pero si admitiu que o seu partido, o PP, xa comezou a contratar actos de campaña electoral o que apunta a que a convocatoria electoral terá lugar no primeiro trimestre do vindeiro ano.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sostivo esta sexta feira que "Ortuzar fala en base a opinións" sobre a data das eleccións galegas, mais "outra cousa é a decisión". A preguntas da prensa, Rueda apuntou que "fóra desa conversa co lehendakari Urkullu antes de verán" non houbo "máis conversas". "Por tanto, todo o demais, cada un pode ter a súa opinión, incluído outros compañeiros do Partido Popular noutros lugares de España, e incluído en Madrid", afirma.

Comentarios