Debate do Estado da Nación

A oposición ve o presidente Rueda "desconectado da realidade" e afea a "falta dun proxecto" para Galiza

Ana Pontón, José Ramón Gómez besteiro e Armando Oxea. (Foto: Arxina)

Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro móstranse especialmente críticos coa intervención inicial do presidente da Xunta no Debate do Estado da Nación.

As forzas da oposición mantiveron esta cuarta feira unha posición moi crítica a respecto do discurso do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, durante a súa intervención inicial no Debate do Estado da Nación, coincidindo BNG e PSdeG en que está "desconectado coa realidade". "Acabamos de escoitar un discurso que nos vén demostrar que temos un presidente desconectado da realidade do noso país e das preocupacións da cidadanía", sinalou a portavoz do BNG e líder da oposición, Ana Pontón. "Non ten alternativas para os nosos problemas. Vimos un presidente desconectado e moi enfadado coa oposición, o que demostra que non ten ningún proxecto de futuro", engadiu, nunha análise na que coincidiu tamén o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen dixo: "Vimos un presidente da Xunta máis preocupado da oposición que do estado real da Galiza".

Pontón fixo especial énfase en que Rueda é o presidente "máis desleal da historia", destacando a defensa que líder do Executivo galego fixo do proxecto de Altri en Palas de Rei (A Ulloa). "Un presidente desleal, que está traballando para os grandes lobbies económicos, as eléctricas, as mineiras ou as pasteiras como Altri", incidiu a nacionalista. "Un Goberno pode equivocarse mais non ir contra os intereses da cidadanía”, proseguiu Pontón, quen acusou Rueda de ser "un servidor de Altri" e "un servidor das multinacionais e das empresas amigas do PP".

"Nin un só euro"

Gómez Besteiro tamén foi moi crítico cos argumentos de Rueda. "Para o medio ambiente, nin unha soa palabra, tan só para proxectos mal vinculados ao medio ambiente", sinalou o dirixente socialista. Tamén se referiu á denegación das axudas do Perte de descarbonización a Altri, afeando que Rueda estea "pedindo respecto para os técnicos da Xunta mais sendo crítico cos do Estado".

Sobre esta cuestión, Pontón sinalou: "Levabamos moito tempo dicindo que Altri é unha empresa que quere contaminar o corazón da Galiza. Mais tamén sabemos que estas son só unha parte das axudas ás que opta, e esta empresa non pode recibir nin un só euro de financiamento público. Nós o que propomos é destinar estes cartos á recuperación do río Ulla e á rexeneración da ría de Arousa".

O portavoz de Democracia Ourensá, Armando Oxea, pola súa parte, destacou que, "como todos vostedes estarán pensando, eu estaba pendente as mencións que [Rueda] faría a Ourense, e na miña impresión, se non me equivoco, tan só foi unha vez, coa temática do hospital". "Tampouco falou dos problemas que afectan Ourense, e fixo unhas consideracións moi xenéricas", concluíu.