Debate do Estado da Nación

Celulosa, minaría e industria militar: os tres eixos da aposta de Rueda para Galiza

Despois de coñecerse que, previsibelmente, Altri ficará sen axudas de descarbonización, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, culpou esta cuarta no debate sobre o Estado da Nación desta circunstancia aos grupos da oposición. Neste contexto, o líder do Executivo galega non só redobrou a súa aposta pola fábrica de celulosa, senón que incluíu na súa estratexia a promoción da actividade mineira para a extracción dos chamados minerais críticos , así como o desenvolvemento da industria militar.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda intervén durante o Debate do estado da Nación este 23 de abril. (Foto: Arxina)
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda intervén durante o Debate do estado da Nación este 23 de abril. (Foto: Arxina)

Durante o debate sobre o Estado da Nación, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, cargou esta cuarta duramente contra a oposición "do non", practicamente culpándoa do recente anuncio de que Altri quedará excluída dos proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica (Perte) de descarbonización. "Ese alcume dos do non que con tanto mérito se gañou o BNG, agora está disputado polo PSdeG", afirmou. 

"Permítanme que fale dun tema concreto. O monotema da oposición, a creación dunha fábrica sostíbel de fibras téxtiles a base de celulosa", sinalou o presidente do Goberno galego para introducir a cuestión, para logo avanzar que reclamará ao Executivo estatal que destine "de forma directa" 1.300 millóns de euros dos fondos comunitarios sen mobilizar e que, augurou, "acabarán perdéndose".

"Xa non pido tratos privilexiados como se dan a outros, senón o que nos corresponde exactamente: 6% deses máis de 18.000 millóns de euros", agregou sobre o financiamento co busca apoiar Altri.

Segundo defendeu, esta factoría implicaría que "máis da metade dos eucaliptos que se plantan na Galiza sexan transformados aquí". Precisamente, pouco despois, o presidente da Xunta volveu abrir a porta a cancelar a moratoria do eucalipto, algo no que, a tenor das súas palabras, Altri ten moita influencia. Así, logo de afirmar que Galiza é "líder en medio ambiente e na loita contra o cambio climático", afirmou que, sobre a moratoria do eucalipto, o Goberno galego "tomará a decisión que máis beneficie tendo en conta a todas as partes interesadas".

"Leva meses petando de porta en porta en Madrid e Bruxelas pedindo 250 millóns de euros para que Altri contamine o rural e as rías, se adicase 10% dese esforzo nas pemes e nos autónomos deste país mellor nos iría", respondeu a portavoz do BNG, Ana Pontón. "Un Goberno pode equivocarse mais non ir contra os intereses da cidadanía", proseguiu, acusando Rueda de ser "un servidor de Altri" e "un servidor das multinacionais e das empresas amigas do PP".

"O resultado das urnas non é un cheque en branco para traizoar este país. Hai algo que as urnas non lle deron nin lle darán nunca, o dereito a gobernar en contra da Galiza, que é exactamente o que está facendo", engadiu a portavoz.

A líder do BNG, tras demandar unha mudanza da política forestal, exixiu "unha nova moratoria na plantación de eucalipto, polo menos até 2030". "O noso país é un grande eucaliptal, e aínda así o pon ao servizo de Ence e das pasteiras lusas, que compran na Galiza o eucalito ao que non lles deixan acceder en Portugal. Está hipotecando o futuro das seguintes xeracións", concluíu Pontón.

"Hoxe tivemos unha boa nova para esa Galiza que vostede non quere escoitar", dixo a Rueda o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, ao respecto da exclusión de Altri no Perte. "Dixen hai meses que se fose polo socialismo galego, o proxecto recibiría cero euros de diñeiro público", engadiu. "O debate, señor Rueda, non é industria si ou industria non, senón que industria si e que industria non", concluíu en resposta ao dilema presentado polo presidente do Goberno galego. 

"Contribuír á autonomía estratéxica" coa minaría

Nun contexto de protestas sociais pola declaración da mina de litio de Doade, en Beariz (comarca do Carballiño), como 'estratéxica', Rueda converteu a industria extractiva nun dos eixos do seu discurso. "Galiza debe estar á vangarda dos sectores económicos máis puxantes, hai oportunidades que non podemos deixar pasar", afirmou ligando Altri e minaría.

"Este debate é para ser claros, e para dicir si aos que sempre din que non", volveu incidir na súa crítica á oposición. E neste contexto, aseverou, é necesario "contribuír a que a Unión Europea gañe autonomía estratéxica nos minerais críticos". Facendo alusión á riqueza en recursos do país, destacou que "Galiza vai estar aí, na minaría". "Se a xeografía se sitúa na periferia, a xeoloxía pódenos colocar no centro", afirmou.

"Un presidente que pensase en grande o mínimo que faría sería demandar que as baterías que van usar o litio galego se fixesen na Galiza, mais vostede non, faltoulle tempo para recibir os promotores e bendicir o mesmo proxecto rexeitado en 2020 polo seu impacto medioambiental", espetou Pontón sobre a aposta extractiva de Rueda. A nacionalista lembrou, neste sentido, que a mina de Doade pretende ser explotada por unha empresa de Aragón, "precisamente onde se van facer as batería".

Unha terceira clave no discurso de Rueda, así como o anuncio máis importante realizado polo presidente da Xunta, foi o da promoción da industria militar. Neste sentido, anunciou un investimento de 180 millóns de euros "para impulsar o sector aeroespacial, de seguridade e da defensa".

"A guerra sempre é un fracaso e sempre deixa un mundo peor", contestou Pontón citando ao finado Papa Francisco. "Por iso me sinto orgullosa de que o BNG se sitúe do lado correcto da historia", engadiu. "Máis gasto militar é menos sanidade, menos educación e menos pensións", dixo. "Non no noso nome", destacou para rexeitar "a carreira armamentística".

Loanza do autogoberno

A pesar de que o Executivo galego só foi capaz de conseguir a transferencia dunha competencia nos últimos 17 anos, un Rueda triunfalista destacou a cesión da xestión do litoral por parte do Goberno español, que cualificou como un feito "histórico". Neste sentido, o presidente da Xunta defendeu as bondades do autogoberno, apostando por "seguir profundando" nel. "Decidir é poder, e o autogoberno é a garantía", afirmou.

Neste sentido, Rueda propuxo alcanzar un acordo para que o Parlamento da Galiza pida unha transferencia, vía lei orgánica, das competencias que permitan a xestión dos permisos de traballo ás persoas migrantes. Ademais, lembrou o compromiso do Goberno español para que a Xunta poida coxestionar o Ingreso Mínimo Vital, aínda sen materializar.

Pontón rebaixou o ton épico de Rueda sobre a transferencia do litoral, lembrando que é a única cesión de competencias conseguida polo PP en tres lustros. "A este ritmo, precisariamos 300 anos para que se cumpra o estatuto", segundo destacou a nacionalista.

Así mesmo, Rueda reivindicou o rescate da concesión da AP-9 e o seu traspaso á Galiza. Neste sentido, sinalou que a concesionaria da autoestrada "ten beneficios récord", o que, ao seu ver, demostra que "hai marxe" para convertela nunha infraestrutura pública. Deste modo, dixo que, tendo en conta que o Executivo estatal inviste uns 84 millóns de euros nas bonificacións da vía, sería máis proveitosa a recuperación, que cifrou en 2.400 millóns de euros.

Ao respecto, Gómez Besteiro lembrou que a AP-9 está hoxe en mans privadas por culpa "dunha prórroga de José María Aznar [o expresidente do Goberno español co PP]". Ademais, o socialista tamén lembrou que esa mesma prórroga esta sendo investigada a nivel comunitario por "ilegal". "Hai bonificacións por primeira vez nas autoestradas grazas ao pacto do BNG para a investidura de Sánchez", reivindicou Pontón.

"Unha Galiza en grande"

A "Galiza en grande" foi o eixo vertebrador da última campaña do BNG nas eleccións galegas. Unha expresión que foi adoptada esta cuarta por Rueda no seu discurso, algo que semellou un intento por confrontar de forma directa coa portavoz do grupo nacionalista. De forma paradoxal, foi Gómez Besteiro quen confrontou a expresión de forma máis directa. "Levan 16 anos no Goberno e resulta que agora imos empezar a pensar Galiza ao grande", criticou.

Volvendo ao inicio do discurso de Rueda, o presidente da Xunta anunciou que a Administración galega conta cun equipo específico que analiza "o posíbel impacto desta guerra comercial" e detallou que o fará desde o Instituto Galego de Estatística (IGE), que leva unhas semanas adscrito á Oficina Económica de Presidencia. 

"Fronte a un mundo convulso temos un presidente ausente", sinalou Gómez Besteiro a este respecto, criticando a "inmobilidade" da Xunta diante da crise arancelaria, levando a cabo, sinalou, "un par de medidas inconexas que nin sequera terán un impacto real".

Condonación da débeda

Rueda volveu rexeitar a condonación de 4.010 millóns de euros da débeda. "No debate do Estado da Nación de 2023, acordamos solicitar a quita da débeda, mais agora vostede di non porque llo manda o seu xefe de filas desde a rúa Xénova", recriminou Pontón. "Vostede di que non, o seu conselleiro [Miguel Corgos] di xa veremos", engadiu Gómez Besteiro.

Anuncios e críticas

Alén do debate, Rueda fixo esta cuarta unha serie de anuncios que foron contestados con críticas por parte da oposición. Entres estes, 24 residencias de maiores ou axudas de 15% do gasto en libros e material escolar. Ante isto, a oposición recriminou "16 anos sen unha praza pública en residencias" e exixiu a gratuidade dos libros de texto. 

"Tome en serio Ourense"

O deputado de Democracia Ourensá, Armando Oxea, que cun só escano contou cos mesmos 45 minutos de intervención que os outros dous grupos da oposición, pediu a Rueda que "tome en serio Ourense". Deste modo, compartiu a "necesidade de mellorar o financiamento dos concellos" e apuntou que a circunscrición que representa "probabelmente sexa a máis afectada" ao ter máis municipios "en risco de despoboamento" e que se podería acoller ás medidas anunciadas por Rueda neste sentido ao amparo da futura Lei de Administración Local. No marco da rede de sendas "desde Ribadeo até A Guarda" que tamén anunciou Rueda, Oxea volveu criticar que esquecese Ourense.

Comentarios