Pontón pide ao Goberno que diga "con total claridade" que non financiará Altri e insiste: "Non pode recibir axudas"

A líder do Bloque chama a investir os 250 millóns de axuda que solicita Altri en recuperar o río Ulla e a ría de Arousa.
Ana Pontón xunto a Olalla Rodil durante o Debate do Estado da Nación este 23 de abril. (Foto: Arxina)
Ana Pontón xunto a Olalla Rodil durante o Debate do Estado da Nación este 23 de abril. (Foto: Arxina)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, insistiu en que o proxecto que a multinacional lusa Altri quere instalar en Palas de Rei (A Ulloa) "non pode recibir" axudas públicas" e pediu ao PP e ao Goberno español que diga "con total claridade" que non o vai financiar.

A preguntas dos medios tras a intervención de Alfonso Rueda no Debate sobre o Estado da Nación, após coñecerse que Altri fica fóra das axudas ao Perte de descarbonización, Pontón lembrou que o BNG leva "moito tempo dicindo" que unha empresa que "quere contaminar o corazón" do rural galego "non podía recibir baixo ningún concepto axudas públicas para contaminar Galiza".

Con todo, lembrou que esta é "só unha parte das axudas", polo que volveu a insistir en que Altri "non pode recibir nin un só euro para contaminar" Galiza.

"O que debería facer o PP e o Goberno do Estado é dicir con total claridade que non se vai financiar ese proxecto", reiterou antes de volver propoñer que eses 250 millóns que pide a multinacional, procedentes de fondos europeos, se invistan invístanse "para recuperar o río Ulla, sanear a ría de Arousa e apoiar o tecido produtivo".

Comentarios