Rueda acusa o Goberno español de "discriminar" Galiza e de endurecer "a vara de medir ambiental" con Altri
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acusou o Goberno español de discriminar Galiza na repartición dos fondos europeos e de endurecer no territorio galego "a vara de medir ambiental" a proxectos como o de Altri na comarca da Ulloa, que o Executivo estatal vén de deixar fóra do Perte de descarbonbización.
"Financiamento sen ningunha esixencia ambiental [noutras rexións], todas as esixencias ambientais para Galiza", sostivo o presidente galego, que considerou que "non pode ser" que se os proxectos na Galiza cumpren as "durísimas condicións" se lles negue "todo" a pesar de "contar con declaracións de impacto ambiental aprobadas".
"Exíxesenos o que non se exixiu en proxectos que non as tiñan nin empezadas", censurou o titular do Executivo autonómico, que asegurou que Galiza non pode tolerar "discriminacións nin exclusións" baseadas "en escusas indefendíbeis".
"Non podemos admitir discriminacións con fondos europeos e, por iso, avanzo que imos reclamar ao Goberno que destine, de forma directa, eses miles de millóns que están sen gastar e que acabarán perdéndose", dixo para incidir en que á comunidade galega correspóndelle 6% dos máis de 18.000 millóns de euros e reclamar a súa xestión para poder "crear riqueza".
Oposición "vergonzosa"
Todo iso nun discurso no que deu os "parabéns" ao BNG e ao PSdeG por "demostrar ser eficaces" para "que non veña diñeiro a Galiza". Neste sentido, censurou que a oposición na Galicia "se opoña a todo" e considerou que o alcume de "os do non a todo" –que atribuíu ao BNG– "empece a estar un pouco disputado polo PSOE". "Isto non é crítica, é crónica", afirmou.
Rueda fixo referiuse no seu discurso ao "monotema da oposición", o proxecto da compañía lusa Altri en Palas de Rei (A Ulloa), acusando a BNG e PSdeG de oporse de forma "vergonzosa" a iniciativas que "cumpren", como a da pasteira portuguesa, "deixando a nosa terra sen oportunidades".
