A oposición urxe a subir o orzamento sanitario para afrontar os retos da Covid-19

O Parlamento debateu hoxe os orzamentos de Sanidade, pouco despois de coñecerse que Acciona chegara a un preacordo con Meridiam para a venda de accións do hospital de Vigo. A oportunidade da Xunta para recuperar para o público este hospital e a perda de peso da Sanidade nas contas do Goberno protagonizaron o debate parlamentar. 
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña (Foto: Xunta da Galiza)

Os recursos cos que a Xunta da Galiza pretende enfrontar os retos sanitarios da Covid-19 marcaron un debate de prioridades contrapostas entre o Goberno e a oposición na comisión parlamentar de Economía e Facenda á que esta segunda feira, 30 de novembro, acudiu o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para expor o proxecto dos orzamentos do Executivo galego para 2021. Na súa intervención, o conselleiro referiuse ás contas de sanidade como un "fito histórico de investimento", con 4.587 millóns de euros, 478 millóns máis que en 2020, o que representa un incremento de 11,6%.

Precisamente, a oposición criticou ese 11,6% de aumento sanitario, xa que fica por baixo do incremento medio dos orzamentos da Xunta (perto de 14%), que soben en gran medida en base aos fondos Covid estatal e da Unión Europea. Aliás, tamén lamentaron a perda de peso da sanidade no conxunto das contas da Xunta, pasando de supor 33,8% do investimento en 2020 a 33,5% no proxecto de orzamentos para o ano 2021. 

A deputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG) Montse Prado urxiu o conselleiro a "rectificar" para que a Atención Primaria non medre 2,5 puntos porcentuais por baixo da media dos orzamentos e só 7,45% respecto ao exercicio do ano pasado, aínda que o conselleiro reiterou que sobe 11% en base a partidas previstas noutras áreas. 

A ese respecto referiuse o portavoz de sanidade do PSdeG, Julio Torrado, acusando García Comesaña de aludir a que “hai orzamentos noutros lugares que non figuran nas contas presentadas no Parlamento pola Consellaría". 

Prado, seguindo coa Atención Primaria, queixouse de que esta "teña 45 millóns de euros menos que hai 11 anos", en referencia aos orzamentos de 2009 do Goberno de coalición do PSdeG e o BNG. 

En canto á Atención Hospitalaria, tanto a deputada nacionalista como o socialista cargaron contra as contas por só preveren 149 contratacións para 2021, así como 87 efectivos máis para a Atención Primaria a respecto do ano anterior, "cando non había pandemia nin a campaña de vacinación máis importante da historia".

Plan de continxencia

O Plan de continxencia do Sergas foi posto de relevo polo conselleiro, xa que permitiu, segundo dixo, ter recursos dispoñíbeis para na primeira onda da pandemia "comprar material de ventilación non invasiva para pacientes en urxencias, ventiladores UCI, equipos portátiles de raios X ou pantallas de protección".

Prado e Torrado, que recoñeceron ser críticos co Plan de continxencia noutros anos porque "se ten empregado para contratar de forma eventual", criticaron que agora, en plena pandemia, ese fondo aumente "cero euros". 

O hospital de Vigo vai para un fondo francés

A compañía Acciona alcanzou un preacordo para vender ao fondo de investimento francés Meridiam as súas participacións en oito activos concesionais por valor de 484 millóns, entre os que se inclúen as súas participacións no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

"Este hospital ía ser público até que o Goberno de Feixoo o entregou a unha empresa á que temos que pagar en 20 anos un canon de até 108 millóns de euros", criticou na comisión parlamentar a deputada do BNG, Montse Prado, ao tempo que urxiu ao conselleiro de Sanidade, Julio García, a "mover ficha" para que a Xunta se faga coas accións que vende Acciona e así "volver facer público o hospital de Vigo".

O conselleiro, en resposta a Prado, afirmou que o coñecemento da venda que tivo foi polos medios, asegurou que se trata dun preacordo e non dun acordo, e que vai agardar a ter unha comunicación formal. 

1.500 prazas docentes

O conselleiro de Cultura, Educación e  Universidade, Román Rodríguez, anunciou unha nova oferta pública de emprego (OPE) con polo menos 1.500 prazas docentes no sistema educativo que se acumularán nun único proceso selectivo xunto coas correspondentes a 2022 e que se realizará ese mesmo exercicio, mentres que en 2021 se levarán a cabo as probas da OPE de 2020, con máis de 3.600 prazas, e que tiveron que ser aprazadas debido á pandemia.

A Xunta aprobará no trimestre do próximo ano o decreto da  OPE anunciado esta segunda feira, e sacará "as prazas necesarias para cubrir a taxa de reposición e a promoción interna", dixo o conselleiro durante a súa comparecencia na comisión parlamentar de Economía á que acudiu para explicar os orzamentos da Xunta. 

Así, e ante os grupos parlamentares, Román Rodríguez explicou o investimento de 2.698 millóns de euros co que conta a súa carteira para 2021, rexistrando unha suba de 6,6% respecto aos exercicio do ano pasado. Ao igual que no caso de Sanidade, este aumento está por baixo do incremento medio de 14% do conxunto das contas, o que sumos as críticas da oposición. Rodríguez quixo iniciar a súa intervención cunha dura crítica á 'Lei Celaá' e enxalzou o modelo educativo da Xunta. 

Pola súa banda, o deputado do BNG Manuel Lourenzo censurou que Rodríguez se instale "no mitin permanente" en lugar de saír "da burbulla de San Caetano" para visitar os centros e coñecer os seus problemas, para así poder abandonar a súa "visión  hiperbólica da realidade", e engadiu que "o gran beneficiado" dos orzamentos da Xunta " é o ensino privado". O nacionalista criticou ademais o "estancamento" de partidas como as destinadas a municipios ou axudas ao estudo. 

Luis Álvarez, deputado do PSdeG, quixo advertir da perda de peso relativo dos orzamentos de Educación, que pasan de supor 21,41% en 2020 a 20,14%, e sinalou que o aumento de cartos é “grazas aos fondos de reconstrución que o PP boicoteou na UE  e aos orzamentos do Estado que non apoian”.

Comentarios