O BNG exixe á Xunta que deixe de exercer como “comercial” após coñecerse a venda do Cunqueiro

A deputada nacionalista Montse Prado instou ao Goberno galego a rescatar esta infraestrutura sanitaria do país no canto de axudar ao “capital especulativo”. Se nada muda a instación pasará a ser propiedade do fondo francés Meridiam.

Montse Prado intervindo durante a comisión de Sanidade.(Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada nacionalista Montse Prado. (Foto: BNG)

O BNG, principal partido da oposición na Galiza neste momento, demandou esta segunda feira á Xunta que loite polo rescate do Hospital Álvaro Cunqueiro, que está a piques de pasar a mans do fondo francés Meridiam.

Após coñecerse a venda da participación maioritaria da infraestrutura viguesa por parte da empresa Acciona (nunha operación na que entran outros activos), a deputada Montse Prado pediu ao Goberno galego que actúe en consecuencia.

A nacionalista criticou que o equipo de Alberto Núñez Feixoo exerza como “comercial” das grandes corporacións e o “capital especulativo” en vez de conseguir que a instalacións sexa totalmente pública.

De feito, lanzoulle unha mensaxe para lembrarlle que “é o momento para devolver o centro hospitalario vigués á sanidade pública galega”.

“Insistimos en que actúen porque este é o momento de facerse con esas accións”, subliñou Prado, exixindo que non se caia “no mesmo error” que co centro hospitalario Povisa, situado tamén en Vigo.

O Bloque, por voz da súa representante, censurou hoxe novamente o modelo de concesións da Xunta. Este implicaba o pago dun canon de 20 anos á Unión Temporal de Empresas (UTE) que edificou o inmoble e que estaba liderada por Acciona.

“Un hospital que inicialmente estaba previsto que custara 400 millóns, que ao final a Xunta adxudicou por 1.300 millóns e cun canon que só nos orzamentos que se presentan agora para 2021 supón 108 millóns directos para a concesionaria”, lamentou a deputada. Aludindo a esa débeda para o sistema sanitario insistiu na necesidade de recuperar o Cunqueiro.

Comentarios