A oposición únese para pedir a comparecencia de Feixoo no Parlamento pola situación de Alcoa

Reunión da Deputación Permanente (Parlamento).
PSOE, Grupo Común da Esquerda, BNG e Grupo Mixto demandan que o presidente galego explique as medidas da Xunta diante do posíbel feche da fábrica de Alcoa en San Cibrao. 

Os catro grupos da oposición rexistraron na Cámara galega unha petición para que compareza o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, perante o anuncio de feche da multinacional Alcoa para a súa fábrica de San Cibrao, en Cervo.

No escrito, PSOE, Grupo Común da Esquerda, BNG e Grupo Mixto (onde se integran as deputadas de En Marea) piden a comparecencia de Feixoo para informar "das medidas que ten previsto adoptar para evitar o feche da fábrica de Alcoa en San Cibrao e garantir o emprego", así como a "continuidade da antiga fábrica" na cidade da Coruña.

A petición conxunta, á que o Parlamento ten obrigación de dar curso, supón convocar unha reunión da Deputación Permanente que, á súa vez, deberá decidir se convoca ou non ao mandatario galego, xa que a Cámara recuperou a súa condición habitual para períodos entre lexislaturas.

Durante a pandemia, os grupos lograron pactar (uns dous meses despois) un mínimo de actividade parlamentar para suplir a anomalía que supoñía disolver o hemiciclo pero non celebrar eleccións, xa que se cancelou a cita convocada para o 5 de abril. Pero de facto, apenas se puxo en práctica unha semana, posto que Feixoo volveu convocar eleccións e o acordo era que, nese momento, se regresaba á situación anterior.

Por tanto, e a falla de que se dea trámite a esta petición conxunta, polo menos as deputadas que permanecen no órgano entre lexislaturas teñen que reunirse unha vez, salvo que Feixoo decida comparecer a título propio na Cámara.