12X: A Xunta pide ao Goberno que habilite un sistema para recoller o voto a domicilio

(Polaris / Contacto)

A máscara será obrigatoria para poder acceder ao colexio electoral e solicítase que as persoas maiores de 65 anos ou de colectivos sensíbeis estean excluídas das mesas electorais.

A Xunta presentou esta cuarta feira o seu protocolo para as eleccións do 12 de xullo, un proceso que se vai desenvolver baixo a pandemia do coronavirus.

O protocolo inclúe unha serie de propostas que o Goberno galego non ten competencias para aplicar, mais que considera que favorecerían un proceso máis seguro, como facilitar e ampliar a votación por correo e mediante fedatario, ou que se poidan "preservar" os trámites daquelas emigrantes que deron os pasos necesarios para exercer o seu dereito nas eleccións previstas para o 5 de abril e suspendidas polo coronavirus.

Nunha rolda de prensa co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, comprometeu unha campaña para promover a votación por correo, de acordo coa recomendación do comité clínico que aconsella o Executivo galego desde que comezou a crise sanitaria; e advertiu de que exixirá formalmente que se faciliten e amplíen os prazos.

"A nosa intención é solicitar que, nesta ocasión, se arbitre un sistema para que quen decida votar por correo evite desprazarse fóra da súa casa"

"Aínda que a súa aplicación non nos corresponda, pediremos ampliar ao máximo o voto por correo, tanto para a solicitude como para a emisión, e para facilitar as circunstancias nas que se pode desenvolver. Que quero dicir? Ben, a nosa intención é solicitar que, nesta ocasión, se arbitre un sistema para que quen decida votar por correo evite desprazarse fóra da súa casa ", explicou.

Un sistema que sería para calquera persoa que queira votar por correo, mais Rueda pide que se priorice especialmente nas maiores de 65 anos e nas que padecen patoloxías vulnerábeis, así como nas usuarias das residencias (exemplificou que se podería implantar un sistema como o xa existente para as institucións penitenciarias). Todo isto, garantindo que se cumpran "as garantías legais" que deben acompañar un voto e a identificación da persoa que o emite.

Neste sentido, o vicepresidente apuntou a Correos e lembrou que "un dos acordos adoptados no Congreso" subliña que o ente público debe "facilitar" ao máximo, en colaboración coas Administracións, deste xeito para emitir o voto, no marco dunha situación de reactivación social despois da fase aguda da pandemia.

Entre as peticións da Xunta que "tamén dependan do Goberno estatal", segundo indicou, está facilitar o voto a través de fedatario, é dicir, por poder. A proposta do Executivo galego é que se poida habilitar un "mecanismo temático" para ese voto.

A Xunta recomenda levar o voto preparado da casa e haberá unha bandexa para depositar o DNI ao identificarse para reducir o contacto

Así mesmo, aínda que unha vez máis dependerá da Xunta Electoral, a Xunta cre que sería positivo que o feito de ser maior de 65 anos ou ter unha patoloxía vulnerábel poida ser un elemento de alegación para ficar exenta de facer parte dunha mesa electoral .

Outras cuestións que explicaron na comparecencia foi a de que as persoas para acceder ao colexio electoral deben levar máscara ou que as persoas que integren as mesas electorais deben de ter 2 metros de separación entre elas. 

O protocolo inclúe un reforzo das medidas de seguridade sanitaria nos colexios, que inclúen priorizar o acceso ás maiores de 65 anos, manter a distancia de seguridade, uso obrigatorio de máscaras e colocar "en lugares de fácil acceso" as cabinas de votación "intentando evitar" as cortinas nelas para evitar ter que manipular este elemento.