Parlamento

A oposición considera que o PP dá por "finiquitada" a lexislatura

O Pleno da vindeira semana aprobará os orzamentos para 2024.
Reunión da Xunta de Portavoces no Parlamento, esta cuarta feira. (Foto: Arxina)
photo_camera Reunión da Xunta de Portavoces no Parlamento, esta cuarta feira. (Foto: Arxina)

Os grupos da oposición —BNG e PSdeG— consideran que o proceder do PP indica que esta lexislatura pode darse por rematada e, en todo caso, dado que conclúe o período de sesións, pedirán un balance destes catro anos de lexislatura ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, na sesión de control da vindeira semana. 

A viceportavoz do BNG na Cámara, Olalla Rodil, acusou o PP de "dar por finiquitada" a lexislatura "usando os cartos de todos os galegos e galegas para foguear o seu candidato". Na mesma liña, Luís Álvarez, voceiro do PSdeG no Hórreo, afirmou que "o PP deu por fechada a lexislatura", engadindo que os orzamentos para 2024 veñen repletos de "medidas electoralistas".

O derradeiro pleno decorrerá en dous días, na terza e cuarta feira, co debate de cinco textos lexislativos. Así, na terza feira quedará aprobado o orzamento da Galiza para 2024, a "primeira" comunidade que contará cos seus orzamentos, destacou o portavoz popular, Alberto Pazos Couñago.

Seguidamente, debaterase o informe do relatorio da Lei de medidas fiscais e administrativas, tamén coñecida como lei de acompañamento. En ningún dos dous casos se incorporaron emendas da oposición.

Votar aos 16 anos

A sesión plenaria seguirá co debate do proxecto de lei de Calidade Alimentaria e co de transferencia da AP-9, cuxo ditame vén de recibir luz verde. Finalmente, o BNG incorporou a súa proposición de lei para a reforma da lei electoral, que en esencia pretende rebaixar aos 16 anos a idade para votar e que pide fixar dous debates políticos en campaña electoral coas principais forzas.

Comentarios