Un novo panel electoral coloca Pedro Sánchez por diante de Feixoo nunha eventual repetición electoral
Electomanía publicou este sábado un adianto dos datos do seu Electopanel do 13 de agosto despois das eleccións estatais do 23 de xullo e no medio da incerteza xerada sobre a gobernabilidade do Estado español a raíz do resultado das votacións.
Segundo o portal especializado en sondaxes electorais, o PSOE de Pedro Sánchez recuperaría a posición de forza máis votada en detrimento do PP liderado por Alberto Núñez Feixoo, aínda que por pouca marxe.
O adiantamento dos socialistas aos populares acontecería a pesar dun aumento da porcentaxe de votos dos segundos, que se verían beneficiados dunha caída da ultradereita de Vox.
O partido ultraespañolista vería lastradas as súas expectativas electorais despois da crise interna que se está a dar na forza que encabeza Santiago Abascal.
O último portavoz no Congreso de Vox, Iván Espinosa de los Monteros, así como o que tería sido o seu substituto na Cámara Baixa, Juan Luis Steegmann, decidiron abandonar o grupo parlamentario da forza de ultradereita, provocando a actual crise dos de Abascal.
Ademais, segundo Electomanía, as forzas soberanistas catalás, ERC e Junts, sufrirían cunha eventual repetición electoral, caendo nos seus resultados mínimos das últimas convocatorias das eleccións ao Parlamento do Estado español.
Máis datos este domingo
Polo de agora, o portal especializado en sondaxes electorais non ofreceu datos para o resto de forzas do arco parlamentario nin sobre os resultados específicos para a Galiza. Porén, Electomanía fará unha publicación máis extensa dos datos deste Electopanel este domingo.