Nova protesta para exixir a reapertura dos pasos fronteirizos de Galiza e Portugal

O AECT Rio Minho, alcaldes, alcaldesas e presidentes das cámaras miñotas volveron reivindicar cunha protesta na ponte internacional entre Salvaterra e Monçao o paso de traballadores e traballadoras.

Rio Minho alcaldes

“Só queremos que abran os pasos para as persoas traballadoras transfronteirizas. Non pedimos máis que nos deixen sobrevivir”. Así resumiu o director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, a reivindicación que esta segunda feira novamente realizaron os alcaldes, alcaldesas, presidentes de cámaras de ambas as dúas beiras do Minho. Sobre a a ponte entre Salvaterra e Monçao, pechada o 17 de marzo e pola que ata entón pasaban 10.000 vehículos ao día, reivindicaron que a veciñanza da comarca poida volver a facer a súa “vida natural”

Uxío Benítez quixo aclarar que a reivindicación non se trata de abrir ao turismo con carácter xeral os dous países: “Nós estamos a reivindicar algo moito máis xusto e moito menos preocupante dende o punto de vista sanitario. Simplemente estamos a reivindicar que os cidadáns e cidadás europeos transfronteirizos poidan facer a súa vida natural neste territorio transfronteirizo, que non teñan que desprazarse distancias quilométricas cando teñen unha ponte próxima pola que poderían facer ese paso”, subliñou.

Incidiu en que a solución é unha cuestión de medios, colocando persoal do Estado nas pontes de Salvaterra-Monçao, Arbo-Melgaço, Cerveira-Tomiño e na ponte vella de Tui “para que os traballadores e traballadoras transfronteirizos non teñan que dar voltas quilométricas cos custes económicos que iso trae”. “Tamén demandamos –dixo- para a xente que vivimos aquí, que haxa un desconfinamento coordinado e que comercios que agora están pechados porque non poden abrir para os seus clientes do outro lado, que estes poidan pasar”.

Desculpou a non asistencia no acto o alcalde de A Guarda, estando presentes as alcaldesas de Tomiño, O Rosal, Salvaterra, e os alcaldes de Tui, Arbo, As Neves, presidentes de Melgaço, Monçao, Valença, Cerveira e Caminha. Tamén estiveron presentes unha traballadora e un traballador que exemplificaron as dificultades que existen por ter un único paso habilitado na fronteira.

Cecilia Puga, peiteadora de Arbo que ten un salón de peiteado en Melgaço –Portugal- dende hai 19 anos, explicou que diariamente trasladarse ao seu traballo lévalle seis minutos, mentres que agora se ve obrigada a facer diariamente unha hora e media ou dúas horas e dependendo de quen estea na fronteira.

Pola súa banda, Vítor, un feirante portugués, destacou que a situación de peche da fronteira é unha loita “que nos sentimos incapaces de superar nestes momentos”. “É moi duro vivir coas fronteiras pechadas porque está a ser un colapso económico na raia miñota. Falo no meu caso propio pero tamén na voz dos colegas que nestes momentos xa pasan por dificultades e non van conseguir reabrir os negocios se as fronteiras non abren de maneira urxente”, salientou.

O presidente da câmara de Monçao, António Barbosa, tamén foi claro no seu argumentario. Indicou que as fronteiras deben ser unha riqueza, pero hoxe son absolutamente o contrario. “Este territorio é exemplo de como en pouco tempo se pode aniquilar unha economía local”, dixo, para cuestionarse como non é posible garantir dous os tres puntos máis de paso para garantir a circulación entre ambos lados.

Finalmente, a alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, destacou a fronte común feita polas alcaldesas e alcaldes dun lado e outro da raia para facer “un chamamento á cordura e á sensatez” con respecto á apertura de pasos para a xente traballadora. “Pedímoslle aos gobernos algo tan esencial como que coñezan a realidade do seu territorio. As medidas que se están a tomar aquí son consecuencia do descoñecemento da riqueza e da idiosincrasia deste territorio”, subliñou.
 

Comentarios