Polémica en Malpica polo borrado de Castelao: "Nin o autor da creación nin o motivo que elixiu son merecedores de crítica"

O BNG de Malpica lamenta a polémica xurdida arredor da retirada do rostro de Castelao dun mural pintado polo artista Yoseba Muruzábal no concello. A formación nacionalista acusa o PSOE de "censurar" a obra tras unha decisión "unilateral".
Yoseba Muruzábal tivo que borrar as referencias a Castelo do seu mural polas presións dun veciño filántropo. (Foto: Yoseba MP).
photo_camera Yoseba Muruzábal tivo que borrar as referencias a Castelo do seu mural polas presións dun veciño filántropo. (Foto: Yoseba MP).

Como membros do Goberno municipal, Leticia Naya e Miguel Varela, concelleira e o concelleiro do BNG en Malpica, lamentan "profundamente" a polémica xurdida arredor do mural creado polo artista Yoseba MP na medianeira dun edificio situado no centro da vila.

O consistorio encargou a obra co obxectivo de culminar unha homenaxe ás xentes do mar e as persoas exiliadas por mor do golpe de Estado fascista de 1936, para a que contaba, ademais, con dúas achegas comprometidas por un veciño para presidir o lugar: unha grande hélice de bronce e unha segunda escultura dunha muller ribeirá.

As presións deste filántropo local, a desgusto coa presenza de Castelao na pintura, precipitaron o borrado de todas as referencias. 

Consideramos inadmisíbel que un cargo político acepte un clarísimo ataque á figura dun símbolo da Galiza

Desde o BNG local aseguran que "o grupo nacionalista descoñecía o proxecto para a praza" e láianse de que "o alcalde tome decisións en solitario, xa que en ningún momento se nos informou sobre o proxecto para a praza, e consideramos inadmisíbel que un cargo político acepte un clarísimo ataque á figura dun símbolo da Galiza e de todas as galegas e galegos como Castelao".

"Nin o autor da creación artística nin o motivo que elixiu son merecedores de crítica", afirman os membros nacionalistas do Goberno municipal, que veñen de anunciar a convocatoria urxente dunha reunión das autoridades locais "para coñecer os motivos desa postura adoptada unilateralmente e pedir que se restitúa o deseño orixinal do mural".

Presións

Recalca o BNG de Malpica que o Goberno municipal "non debe nin pode ceder ás presións particulares, e moito menos amparalas", polo que instan o alcalde socialista, Walter Pardo, a respectar a liberdade artística, que, como recoñece a Unesco, "é a liberdade de imaxinar, crear e distribuír expresións culturais diversas sen censura gobernamental, interferencia política ou presións de actores non estatais", sinala.

A desaparición da figura de Castelao da pintura, engaden, "non só é un agravio a un político, escritor e pintor que mesmo dá nome ás persoas e feitos que son obxecto de distinción e recoñecemento por parte da Xunta; senón que constitúe un acto de censura artística que dende o BNG non podemos admitir nin consentir". 

comentarios