O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou este 26 de novembro varias iniciativas na Cámara Baixa para que sexa recoñecida a totalidade da superficie como admisíbel, no caso dos pastos arbustivos e de baixo arborado, para que a Galiza "non continúe sendo prexudicada" na nova Política Agraria Común (PAC).
"Urxe deseñar un sistema específico que inclúa a identificación e descrición da variedade de pastos leñosos e estabelecer a admisión destes pastos entre a superficie susceptíbel de recibir axudas", reclamou Rego.
Por último, o deputado nacionalista propuxo incorporar a identificación de prácticas locais estabelecidas en base a importancia que ten o pastoreo para a conservación de valores protexidos.
A gandería extensiva atópase dentro dos obxectivos que promove a Política Agraria Común e nos plans estratéxicos menciónase o concepto “superficie admisíbel” referíndose a que non toda superficie será incluída para os efectos de cobro das axudas da PAC. A ese respecto, a formación nacionalista alertou de que gran parte das hectáreas dedicadas á produción agraria na Galiza quedarán sen recibir axudas polas súas características de pasto arbustivo ou de pequenas árbores.
Así, o deputado do Bloque pide nas súas iniciativas adecuar os criterios para recibir as axudas da PAC e adaptar os criterios para que as gandeiras e gandeiros galegos poidan percibir as bonificacións económicas. “Ten que recoñecerse a totalidade da superficie como admisíbel no caso dos pastos arbustivos de modo que a Galiza non volva saír prexudicada pola falta de recoñecemento das súas singularidades” reivindicou.
Iniciativas neste mesmo sentido xa foron tamén presentadas no Parlamento da Galiza a iniciativa do BNG, e nelas instábase o Goberno galego a actuar para defender a inclusión das singularidades propias do sector agrario da Galiza nos criterios da PAC.
Esas iniciativas foron aprobadas cos votos a favor de PP, BNG e PSdeG, polo que foi apoiada pola unanimidade da Cámara galega.
“O Goberno ten que deseñar un sistema de admisión adaptado ás diferentes realidades e que inclúan no novo deseño a identificación e descrición da variedade de pastos leñosos, así como as prácticas gandeiras asociadas a elas”, demandou Rego.