Militantes do PSOE exixen un cambio de rumbo no partido

A militancia do PSOE demanda máis transparencia e participación de cara ao congreso que a formación política desenvolverá o vindeiro ano. Entrementres Rubalcaba asegura que non se celebrarán primarias, voces críticas denuncian que a formación permaneza anquilosada perante unha situación social e económica tan grave. En Galiza, un grupo de militantes auto-organízase a prol dun "novo socialismo galego".
photo_camera Ramón Besteiro, José Blanco e Vázquez nun acto de campaña

Após os procesos electorais desenvolvidos en Euskadi, Galiza e Catalunya, onde a formación política sufriu un importante retroceso no número de apoios, aumentan as voces no seo do PSOE que exixen un cambio de rumbo non só nas políticas senón tamén nas persoas que a organización posúe na primeira liña política. Porén, malia que a dirección política do PSOE asegura estar disposta a iniciar un proceso de rexeneración interna que permita ao partido recuperar a confianza do electorado e a militancia, o seu presidente, Alfredo Pérez Rubalcaba aseguraba a pasada segunda feira que non se celebrarían primarias "até que non se aproximen as eleccións".

Rubalcaba négase a convocar eleccións primarias malia as demandas da militancia de base

A resposta ao parecer do aínda líder d@s socialistas españois non tardou en chegar. Neste sentido, Carme Chacón, asegurou esta terza feira que "non pode dar a impresión de que, no medio de tanta destrución e sufrimento acelerado" a formación política ten "todo o tempo do mundo". Aliás, as bases da organización, están a amosar de maneira clara o seu descontento coa dirección política a través de diversas iniciativas nas que exixen mudanzas nos posicionamentos políticos da formación. Nun vídeo editado desde Madrid, un grupo de militantes do PSOE mesmo chegou a presentar desculpas á cidadanía polas decisións adoptadas durante os anos de goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, escusándose por ter rebaixado as pensións, aprobado unha reforma laboral ou mesmo modificado --de urxencia e sen debate previo-- o artigo 135 da Constitución española; reforma que supeditaría o pagamento do déficit a calquera política ou servizo social.

Galiza non escapa ás turbulencias internas
A re-aparición do ex-presidente da Xunta de Galiza, Emilio Prérez Touriño após a publicación do seu libro 'O futuro é posible. Retrato dun tempo de cambio', botou máis leña ao lume das bancadas socialistas e viña a sumarse ao debate interno xurdido após os resultados electorais colleitados por Pachi Vázquez o 21-O. Touriño batía contra o candidato socialista á presidencia da Xunta e aseguraba que cometera un erro ao permitir que este --xunto con Ricardo Varela e Modesto Pose-- seguise "á fronte do poder orgánico" logo dos comicios de 2009 e mesmo sinalou como unha das "maiores equivocacións" ter elixido como conselleiro de Medio Ambiente a Vázquez.

Touriño lamentou ter mantido á fronte do poder orgánico a Pachi Vázquez, cuestión que considerou das "maiores equivocacións"

Ás críticas de Emilio Pérez Touriño sumaríase un grupo de setenta militantes do PSdeG que anunciaron a pasada semana a necesidade de sentaren novas liñas cara a creación dun "novo socialismo galego". A idea tirada polas bases foi axiña recollida polo presidente da deputación de Lugo, José Ramón Besteiro, que aproveitou a ocasión para convocar un foro aberto á militancia en que debater e propor "medidas concretas" que permitan achegar á formación política as inquedanzas da cidadanía.

Besteiro dá desta maneira un paso á fronte e amosa a súa vontade de liderar o proceso de cambio no seo do PSdeG. Porén, nesta andaina non camiñará só, pois xa son varios os nomes que se barallan como posíbeis secretarios xerais, entre eles, o deputado no Congreso español e ex-ministro do goberno de Zapatero, José Blanco.

Comentarios