Nove meses sen explicacións da ministra Ana Pastor sobre Angrois

A última intervención no Parlamento español para falar do tema data de agosto do pasado ano. O BNG insiste na súa petición de que compareza canda os responsábeis de Adif e Renfe e acusa a PP e PSOE de querer pechar o tema “como se nada pasase”.

anapastor2
photo_camera Ana Pastor

Cando se suceden os datos, informes e decisións xudiciais que apuntan a posíbeis responsabilidades públicas na catástrofe ferroviaria de Angrois, por mor de  non se implementar as medidas de seguranza suficientes, cúmprense xa nove meses desde a última comparecencia da ministra de Fomento para dar explicacións sobre o tema.

Así o denunciou o BNG, que por boca da súa deputada no Congreso, Rosana Pérez, cualificou “de todo inxustificábel e vergoñento que a Ministra e os máximos responsábeis de Adif e Renfe non comparezan na Cámara baixa para dar explicacións sobre a evidente rebaixa de seguranza no tramo ferroviario Ourense-Santiago”. Para Pérez a imputación de once cargos da anterior dirección de Adif sería o “botón de mostra de que estamos ante responsabilidades políticas que se deben depurar”. 

O BNG leva meses reclamando explicacións na cámara baixa

Aliás, censurou a reacción de Ana Pastor perante o encausamento dos exresponsábeis de Adif. A ministra declarou nesa altura diante dos medios de comunicación que o Goberno “só ten por obxectivo saber a verdade”. O que en opinión da deputada do BNG é “cando menos unha tomadura de pelo” e cuestionou a colaboración do executivo español coa xustiza lembrando que se recorreron as imputacións anteriores a cargos de Renfe e Adif. 

Críticas tamén ao PSOE

O Bloque demandou en varias ocasións nos últimos meses esas comparecencias que porén, inda non se produciron. “Silenzo absoluto é a estaratexia do PP, despois de bloquear conxuntamente co PSOE a Comisión de Investigación que pedimos en incontábeis ocasións” denunciou a deputada. Unha negativa que poría en evidencia que “tanto PP como PSOE queren pechar un dos maiores sinistros ferroviarios do Estado como se nada pasase”. 

Comentarios