O xuíz Aláez deixa a instrución da traxedia de Angrois sinalando responsábeis: altos cargos do ADIF durante a etapa de goberno de Zapatero e José Blanco. Impútalles un delito contra a seguridade colectiva.
Aláez sempre tivo no albo a cúpula directiva do ADIF, a quen atribúe unha imprudencia puníbel ao ter modificado as condicións de seguranza na Grandeira e ao tomar decisións que potenciaron os riscos e, por tanto, tornaron posíbel que un fallo humano resultase nunha traxedia.
O xuíz entende que, de terse mantido o deseño orixinario da alta velocidade entre Ourense e Santiago e de non terse desligado o sistema ERTMS, o fallo humano do maquinista non se tería saldado no tráxico balanzo de 79 mortes.
O xuíz imputa o ex presidente de ADIF con Zapatero e o ex director de gabinete de José Blanco
Após receber distintos informes periciais basicamente coincidentes ao sinalar como desencadeante do sinistro a decisión de non garantir a conexión do Alvia co sistema ERTMS (capaz de frear a máquina ante un despiste humano), o xuíz resolveu imputar a 10 cargos do ADIF, a empresa estatal titular da infraestrutura ferroviaria, e ao exdirector de Seguranza na Circulación.
Entre eles está Antonio González Marín, ex presidente de ADIF, e Javier Hurtado, vocal no consello de administración e ex director de gabinete do ministro, José Blanco.
O xuíz impútalles un delito contra a seguridade colectiva e estima que hai indicios de que, alén diso, sexan partícipes "nos delitos de homicidios e lesións".